Inditex permitirá pagar co móbil nas súas tendas a partires de setembro

martes, 19 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Durante a súa intervención ante a Xunta de Accionistas de Inditex, Pablo Isla, presidente da compañía, anunciou o lanzamento do pagamento co móbil en todas as tendas do grupo en España (Zara, Pull&Bear, Massimo Dutti, Bershka, Stradivarius, Oysho, Zara Home e Uterqüe) a partires de setembro, tanto a través das súas respectivas aplicacións móbiles como mediante a nova InWallet, que permitirá xestionar os recibos de compra en liña e fóra de liña, facilitando a eliminación do recibos en papel.
A nova plataforma pretende mellorar a experiencia de compra do cliente, simplificando o proceso de activación así como as compras e devolucións, permitindo que o cliente active o servizo directamente dentro da aplicación en liña a primeira vez que se accede, e introduza as tarxetas que desexa asociar á conta, para que a partires de entón cada transacción realizada xere un código QR que xestione o pagamento de xeito seguro (segundo a compañía).
Temos así que Inditex optou por unha solución que funcionaría en practicamente calquera smartphone do mercado, separándose da tendencia actual de mercado na que entidades bancarias e fabricantes de dispositivos apostan pola tecnoloxía de pagamento mediante NFC para permitir a realización das autorizacións das transaccións sen contacto, para o que é preciso interactuar cun TPV compatible, mentres que a solución da compañía con sede en Arteixo confórmase con empregar un lector de códigos de barra bidimensionais sobre a pantalla do teléfono. Estamos ante unha solución moito máis básica e insegura que tecnoloxías como Apple Pay ou Samsung Pay, pero cun potencial de adopción inminente moi superior, no que podemos ver como un primeiro paso para animar aos consumidores a realizar pagamentos co seu smartphone.

PUBLICIDADE