Indra comprométese coa nosa formación profesional dual
venres, 20 de xullo do 2018- Exterior das dependencias de Indra no Polígono da Grela na Coruña /Imaxe da Galipedia
Indra
vai formar alumnado da Coruña e contorna achegándolle a
posibilidade de facer prácticas nas súas dependencias. Así o veu
de dar a coñecer a propia empresa (unha das grandes consultoras TIC
do ámbito estatal, con forte presenza na nosa terra), trala sinatura
dun acordo coa Consellería de Cultura e Educación para ampliar de
maneira conxunta a oferta de formación profesional dual na contorna
tecnolóxica da Coruña.
Máis
en detalle, a través do acordo Indra traballará en dous novos
ciclos educativos a desenvolver no IES Fernando Wirtz Suárez a
partires do vindeiro curso 2018/19.
A
alianza foi dada a coñecer polo conselleiro de Educación, Román
Rodríguez, e o director de Captación de Talento Indra, Santiago
Huertas.
A
formalización do acordo, que lle serviu ao conselleiro para coñecer
as instalacións coruñesas da empresa, implicará a incorporación
ao dito centro de educación secundaria dos ciclos de grao superior
en desenvolvemento de aplicacións multiplataforma e en
desenvolvemento de aplicacións web, que suman un total de 24 prazas
(a razón de 12 por cada un deles), e que terán unha duración de
dous cursos.
Para
quen non o saiba, o FP Dual é un modelo educativo innovador que
permite que as alumnas e alumnos reciban formación teórica, por
unha banda, e adestramento práctico e profesional na sede dunha
empresa concreta relacionada coa especialidade a cursar. Deste xeito,
conséguese que as empresas se impliquen tanto no propio currículo
do ciclo coma na formación complementaria do estudante.
No
caso do proxecto presentado hoxe, o alumnado combinará ao longo de
dous cursos a docencia curricular no IES Fernando Wirtz Suárez coa
complementaria que ofreza a compañía e estadías nas que realizarán
“actividade profesionalizadora” nas instalacións de Indra na
Coruña. En cada curso, os estudantes pasarán seis meses no CIFP e
outros seis na empresa.
Asemade,
a empresa comprométese a financiar o proxecto a través dun sistema
de bolsas por un importe mínimo de 450 euros/mes durante os meses
nos que a actividade formativa con vertente profesionalizadora se
realice integramente nela. Así mesmo, os alumnos serán incorporados
ao réxime xeral da Seguridade Social, e disporán dun mínimo de 30
días naturais de vacacións por curso.