Industria constitúe o Foro da Televisión de Alta Definición (TAVD)
mércores, 7 de febreiro do 2007
A Televisión da Alta Definición (TAVD) é unha tecnoloxía que, como tódalas que aínda non chegaron ás nosas vidas, xera máis dúbidas ca certezas (nos buscadores apenas hai información en castelán sobre a cuestión, malia ser unha realidade noutros países). Co fin de inclinar no posible a balanza a favor xas certezas, o Ministerio de Industria vén de acoller a creación dun punto de encontro encamiñado a reunir arredor dunha mesa de debate ós principais sectores implicados. O Foro da Televisión de Alta Definición, que tamén vai dirixido a tratar cuestións técnicas sobre o desenvolvemento da dita tecnoloxía, ficará aberto á participación de entidades, empresas e personalidades que estean interesadas en promover a súa implantación.
A raizame da constitución deste Foro está probablemente no boom experimentado no mercado dos televisores con pantalla plana e na demanda de meirande calidade nas imaxes que isto carrexa: en 2006, vendéronse en España 1.800.000 televisores destas características, das que máis da metade tiñan un tamaño superior ás 26 polgadas. A TAVD, que en países como Estados Unidos, Xapón ou Corea está xa en menor ou maior medida afianzada, atópase en España en fase de experimentación, con probas piloto como a da retransmisión da última final da Liga de Campións (Barcelona versus Arsenal). Segundo o Ministerio de Industria, este que vivimos é o intre máis oportuno para afondar nesta tecnoloxía, “agora que xa hai 11 millóns de cidadáns que teñen acceso á Televisión Dixital Terrestre”.
