Industria repartirá 300.000 lectores de DNIe, de balde

martes, 15 de setembro do 2009 Raquel Noya

Na actualidade, en España xa circulan uns tres millóns de DNI electrónicos, que se diferencian dos seus curmáns os tradicionais, por incorporar un chip que recolle toda a información relativa á persoa que identifica, así como un certificado dixital, grazas ao cal se poden efectuar, por vía telemática, unha gran cantidade de xestións coa administración. Isto, se a oficina de turno conta con lectores axeitados, o cal non sempre é así.
É por iso que o Goberno, facendo mostra dunha extremada xenerosidade, vén de anunciar que vai regalar 300.000 lectores do novo soporte de identificación persoal, porén non deixou moi claro o modelo de lector de DNI electrónico que vai entregar a todo aquel que o solicite a partir do 1 de outubro.
Na páxina lectordni.com, unha web informativa que pretende orientar ao cidadán e guialo para que non se perda á hora de empregar con éxito o seu documento de identidade dixital, dan conta de ata catro tipos de dispositivos de lectura do DNIe, dos cales non se sabe aínda cal será o que regale o Ministerio de Industria, se o máis barato de 18 euros ou o máis caro de 180.
Se cadra por isto, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jonquera, dirixirase mañá mércores, 16 de setembro, ao Ministro de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, para preguntarlle que medidas vai adoptar para solucionar “os grandes retrasos que se producen en moitas comisarías de Galicia para poder tramitar o DNI”. O debate desta pregunta poderase seguir en directo a través da web do Congreso a partir das 9.15 horas.