Inforhouse comparte claves de sustentabilidade e recibe novos recoñecementos de Ardán

xoves, 7 de novembro do 2024 S. P.

A empresa tecnolóxica Inforhouse, con sede en Compostela, participou como embaixadora sostíbel na xornada Dinámicas Formativas 2024, no marco do Programa Responsabilízate, lanzado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Fíxoo falando dos retos das pequenas e medianas empresas na medición da pegada de carbono. Foi, en palabras da empresa, “unha xornada enriquecedora na que se compartiron experiencias, situacións, dificultades e compromisos máis de 80 organizacións de toda Galicia, de múltiples sectores e dimensións”. A actividade tamén constituíu “unha porta a continuar esta colaboración e alianza”.
Noutra orde de cousas, a firma TIC de Santiago informou que vén de ser recoñecida Empresa Igual en Xénero e Empresa Circular na nova edición do Informe Ardán da Zona Franca de Vigo, tras avaliarse o cumprimento de requisitos nos indicadores do informe en 2024. “Isto”, explicaron fontes de Inforhouse, “é froito do noso compromiso e o noso esforzo na implantación de medidas e políticas en materia de desenvolvemento sostíbel, e sitúa á nosa empresa no exclusivo 4% de empresas galegas merecedoras de recoñecemento en algún indicador Ardán neste ano”.
Inforhouse é unha empresa con sede en Santiago centrada en ofrecer servizos avanzados de informática e novas ferramentas dende unha perspectiva de servizos xerais. Destaca tamén por achegar a empresas, entidades, institucións, corporacións, administracións e usuarios en xeral as solucións máis innovadoras en materia de Intelixencia Artificial.