A FIC celebra este xoves cunha gran festa o seu 25 aniversario
mércores, 11 de maio do 2011
A Facultade de Informática da Coruña vai celebrar
este xoves 12 de maio, a partir das 11.30 horas no recinto Palexco, o seu
25 aniversario. No acto, emprazado na Sala Arao, participará un importante número
de especialistas nacionais e internacionais nos eidos académico e empresarial, achegando
os seus coñecementos en relatorios e mesas redondas sobre o presente e o futuro
da era dixital. O evento contará tamén co apoio de empresas de primeira liña na
Sociedade da Información, é o caso de Tuenti, unha das redes sociais de
meirande proxección no eido da comunicación 2.0. En representación deste
servizo acudirá, precisamente o seu cofundador, Félix Ruíz Hernández, quen
falará sobre a capacidade das redes sociais no eido da promoción e ada
publicidade.
Con anterioridade, Antonio Santos del Riego, da Facultade de Informática,
disertará sobre 25 anos de Facultade;
Juan Puig, de Systems Engineer at Erlang Solutions Ltd.London ofrecerá a
conferencia Construíndo sistemas
tolerantes aos fallos e Angel María Navarro, de IBM, dedicará o seu
relatorio ao centenario desta firma . Ademais, o ciber crime e as respostas
con que o afronta a Garda Civil será o tema da conferencia de Juan Salom
Clotet, xefe do grupo de delitos telemáticos da unidade central operativa. José
María Alonso Cebrián, consultor de Seguridade en Informática 64 desenvolverá o
relatorio Adelante por favor: Default
passwords e José Luis Freire Nistal encargarase de coordinar a mesa redonda
sobre a Historia da Facultade de Informática. O reitor da UDC, José María
Barja, clausurará a xornada as 21.00 horas.
Ademais, informa a Universidade da Coruña, “Palexco converterase nunha especie de grande aula virtual coa
posibilidade de participar en peceiras
para ciber e software libre, cunha zona de retroinformática e unha exposición
fotográfica”. Segundo a engade a institución académica, as persoas que se
acheguen ao recinto coruñés “terán a
posibilidade de obter información de todo o que ofrece a carreira de informática
e habilitaranse stands comerciais para as empresas convidadas e postos de
investigadores nos que terán presenza catro grandes grupos, algúns deles
dedicados ás aplicación móbiles e a telemática”.
As exposicións, que estarán abertas ao público entre as 13.00 e as 22.00
horas, están organizadas por GSIC-Consultoría de seguridade, unha delegación de
alumnos, AUIC-Evolución de la Informática, GPUL-desenvolvemento de Software
libre e OSL-montaxe de Sistemas operativos y Software libre.