Inma Martínez lévanos ás grandes novidades e desafíos da revolución tecnolóxica en 2020

luns, 2 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A sede de FEUGA en Santiago vai acoller o vindeiro 19 de decembro unha destacada cita coa transformación tecnolóxica e os retos e desafíos que esta presenta, poñendo o foco non tanto na tecnoloxía senón en nós menos: o papel que xogaremos as persoas nesta carreira cara a Industria 4.0 e todo o que representa: máis automatización e eficiencia, mellor xestión, mellor coñecemento pero, tamén, máis esixencias e formación máis específica para os profesionais. A xornada 2020 A era dixital do esplendor humano (PDF) comeza ás 12.30 horas na sede de FEUGA no Campus Sur da USC.
A sesión será impartida por Inma Martínez, pioneira tecnolóxica involucrada nos sectores da innovación e a dixitalización desde hai máis de 20 anos. Inma Martínez está recoñecida como un dos talentos científicos europeos en sistemas intelixentes e unha das grandes artífices dos avances destes na telefonía móbil, nas Smart Cities ou no ámbito do coche conectado.
Segundo informa FEUGA para poñernos ao tanto dos temas a tratar na sesión, esta xirará arredor arredor da acelerada dixitalización que a Intelixencia Artificial achega ao lugar de traballo, un proceso que afectará a todas as empresas, e, de feito, ás que non consigan adaptarse a esta contorna é moi probábel que non logren sobrevivir. “A IA non é só unha nova tecnoloxía que transformará dinamicamente os nosos produtos e servizos, senón que tamén xerará impacto no tipo de capital humano que necesita adaptar as súas habilidades e coñecementos á terceira revolución industrial”, explica a fundación.

PUBLICIDADE