Innovación e Industria financiará con 180.000 euros a implantación de novas tecnoloxías no centro de Aspanas

venres, 30 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e a presidenta da Asociación de Pais de Persoas con Retraso Mental (ASPANAS), María Jesús Román, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a implantación de novas tecnoloxías no novo centro para persoas con discapacidade intelectual con necesidades de apoio límite e intermitente e extenso ou xeneralizado. O acordo, en virtude do que a Consellería realizará unha achega de 180.000 euros, ten por obxecto a posta en marcha de actividades para melloras tecnolóxicas específicas para un centro piloto en materia de control e domótica no referido as persoas con discapacidade intelectual con necesidades de apoio límite e intermitente en situación de dependencia e o fomento da sociedade da información.
A finalidade é o emprego das novas tecnoloxías para mellorar a calidade e seguridade da estancia dos usuarios no centro ASPANAS, facilitar o traballo do persoal do centro, así como gañar en seguridade e tranquilidade tanto para o entorno do propio usuario como dos traballadores. Para iso incluiranse dispositivos como controis electrónicos de acceso ás habitacións e estancias específicas mediante tarxetas de proximidade que permite controlar o acceso dunha forma sinxela; control dixital de errantes, para dar un control específico sobre os usuarios que o requiran; detectores de prensión electrónicos; sensores en portas; sensores de presenza; pulsadores en pulseras persoais sen fíos e na habitación, entre outros.