Instagram Reels: un novo formato para competir con TikTok

mércores, 5 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Nun momento no que TikTok está nunha situación complicada por mor da posibilidade de que os EE.UU. tenten bloquear o seu acceso anuncian Instagram Reels, un formato de vídeos de curta duración dentro de Instagram que podemos considerar unha resposta directa á aplicación de ByteDance, que leva un tempo en probas e que por fin chega a todos os usuarios como un xeito de crear e distribuír vídeos dun xeito lixeiramente diferente ao que habitualmente se fai coas historias de Instagram e IGTV.
Con Reels convídase aos usuarios a crear vídeos divertidos que poden compartires cos seareiros ou con calquera outro usuario de Instagram, permitindo que editemos vídeos de 15 segundos con son, efectos e novas ferramentas creativas. Estes pequenos vídeos poderán estar visibles como unha publicación de Instagram (opción que tamén ofrece IGTV) ou abrirse a un público máis amplo a través da pestana de Explorar, facilitando que os creadores poidan chegar a grandes audiencias.
A cámara de Instagram permítenos crear Reels con opcións creativas como Audio (podemos elixir música dun amplo catálogo ou empregar audio orixinal que logo poderán reciclar outros usuarios no máis puro estilo de TikTok), efectos de realidade aumentada, temporizadores (para facilitar a gravación en mans libres), aliñación (facilita colocar os elementos dun clip igual aos do clip anterior para poder conseguir unhas transicións que permitan a creación de narracións multi-clip) e control de velocidade.
Os Reels poden gravarse como unha serie de clips rexistrados un a un ou de vez, así como cargando vídeos da nosa galería, mentres que para a súa publicación podemos elixir se queremos que as gravacións estean dispoñibles entre as nosas publicacións ou na pestana de Explorar (almacenándose nunha nova sección do perfil de usuario destinada a este formato), facilitando que o contido poida reciclarse por outros usuarios sempre que teñamos unha conta pública, mentres que se a nosa conta é privada estes contidos quedarían limitados aos nosos seareiros (e non serían quen de reutilizar os nosos audios).
Antes de publicar os Reels podemos definir a súa imaxe de portada, engadir un texto de descrición con cancelos e tamén etiquetar a amigos. O seu comportamento será semellante ao das historias de Instagram, ou sexa, que están pensados para que a súa visualización estea dispoñible durante 24 horas. Para poder ver este tipo de contido chega con ir á pestana de Explorar para descubrir creacións de usuarios de Instagram aínda que non os sigamos, facilitando así o descubrimento de clips que poidan resultar divertidos ou inspiradores, animando a un tipo de consumo diferente ao que é habitual en Instagram.

PUBLICIDADE