Instagram ábrese ás compras móbiles

mércores, 2 de novembro do 2016 Marcus Fernández

A aplicación móbil de Instagram ten dende os seus inicios unha estrutura moi pechada, na que limita enormemente as posibilidades de que os usuarios abandonen a aplicación con restricións como non permitir ligazóns nas publicacións, o que é todo un atranco para certo tipo de usos comerciais da plataforma e ante o que veñen de reaccionar cunha nova funcionalidade que bota a andar nos EE.UU. para un grupo reducido de compañías, pero que irase abrindo paulatinamente e que consiste en que agora nas imaxes de Instagram non só poderase etiquetar a persoas, senón que tamén será posible etiquetar a obxectos á venda, de xeito que o usuario terá facilidades á hora de adquirir un produto que está a ver en Instagram.
Polo momento só unhas poucas marcas norteamericanas (como Kate Spade, JackThreads e Warby Parker) poden compartir publicacións que permitan gozar destas novas etiquetas para produtos (até 5 por publicación) que poden levarnos a unha ficha dos mesmos na que incluso será posible completar a súa compra na tenda en liña do comerciante. Deste xeito, cando vexamos un produto que nos interese xa non teremos que abandonar a aplicación de Instagram para buscalo, senón que a propia ferramenta achegaranos información sobre o mesmo para facilitar a súa adquisición ou, simplemente, aportar información que poida resultar de interese para unha decisión de compra (podendo incluso gardar o produto para tomar a decisión final máis adiante).
Esta nova funcionalidade abre unha importante fiestra ao comercio electrónico dende o móbil e Instagram ofrecerá estas novas etiquetas de balde, ou sexa, que Instagram non recibirá comisión por cada compra dentro da súa aplicación, senón que simplemente confía en que estas novas posibilidades incrementen a publicidade na súa ferramenta móbil.

PUBLICIDADE