Instagram dirá adeus ao xesto de deslizar cara arriba nas historias

luns, 23 de agosto do 2021 Marcus Fernández

A finais de xuño Instagram anunciou que estaba a ofrecer a un grupo reducido de usuarios a posibilidade de engadir nas súas historias un adhesivo cunha ligazón como alternativa ao tradicional xesto de deslizar cara arriba que servía para remitir aos usuarios a espazos web externos a Instagram, e o experimento parece ter resultado mellor do que esperaban, pois agora están a advertir aos usuarios con máis de 10.000 seareiros que a partir do 30 de agosto dirán adeus ao xesto de deslizar cara arriba, establecendo como norma o adhesivo con ligazón.
Ao parecer, o uso do adhesivo con ligazón axústase mellor ao uso que actualmente fan o usuarios de Instagram e incluso ten como vantaxe que será posible poder responder cun comentario ás historias cunha ligazón (actualmente non era posible, xa que o cadro de texto para responder era substituído coa mensaxe indicando que a historia podía levar a un contido externo mediante un xesto).
O que aínda non desvelaron dende Instagram é se con este cambio ampliarán o número de usuarios que poden publicar historias con ligazóns, ou se manterán a condición de ter un mínimo de 10.000 seareiros para gozar da funcionalidade.

Aviso que están a recibir os usuarios de Instagram con máis de 10.000 seareiros

PUBLICIDADE