Instagram elimina o botón de acceso a IGTV

luns, 20 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

En xuño de 2018 Instagram quixo lanzarse a competir con YouTube e outras plataformas de vídeo longo con IGTV, aplicación independente que pouco a pouco tivo que ir facendo concesións ante o seu pouco éxito, de aí que vísemos como cada vez dependía máis da propia aplicación de Instagram e incluso tivese que aceptar a carga de vídeo en horizontal, atentando contra a súa filosofía orixinal de converterse no grande referente do vídeo vertical de máis dun minuto de duración.
Nos últimos días esta fuxida cara adiante fíxose máis visible, e o atallo a IGTV que podiamos ver na parte superior da aplicación de Instagram, xunto coa icona que leva ás mensaxes privadas, desapareceu por mor do seu uso reducido, e agora, cando queremos subir un vídeo a Instagram que dure máis dun minuto vemos como a aplicación déixanos elixir entre optar por recortar o vídeo a 60 segundos de duración ou a subilo como vídeo longo de IGTV sen esixir que empreguemos a aplicación propia desta plataforma, co que están a recoñecer que IGTV como plataforma independente foi un rotundo fracaso.
Estímase que só un 1% dos usuarios de Instagram chegaron a instalar IGTV, de aí que parece razoable que a aplicación independente pase a un segundo plano, e que as súas funcionalidades pasen a integrarse totalmente dentro de Instagram.
Agora, se queremos acceder aos contidos de IGTV, en vez de abrir a aplicación de seu, podemos ir picar no botón de busca en Instagram e logo premer sobre o atallo de IGTV que figura baixo a caixa de busca, chegando aos vídeos de longa duración en Instagram que fan que a existencia dunha aplicación externa sexa redundante.

PUBLICIDADE