Instagram na empresa centra un novo obradoiro de SmartPeme+
luns, 25 de agosto do 2025
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana un novo obradoiro de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. A acción, que se presenta baixo o título Como utilizar Instagram para promover a túa empresa, desenvolverase en formato telemático e con inscrición previa, celebrarase o mércores 27 de agosto a partir das 11:00 horas organizado pola oficina de Ponteareas.
Dende a Deputación explican que Instagram é unha ferramenta sinxela que permite aos profesionais e ás empresas conectar de forma rápida coa súa audiencia, “creando unha imaxe de marca próxima e formando unha comunidade activa arredor dela”.
Na sesión as persoas participantes coñecerán as súas funcionalidades desde un enfoque profesional e tamén como aplicar a mellor estratexia en función dos seus obxectivos.
O obradoiro será impartido por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas cunha ampla experiencia asesorando empresas de diversos sectores no ámbito da comunicación e da mercadotecnia dixital, e as inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 obradoiros formativos e actividades complementarias.
