Instagram podería mudar o deseño dos perfís de usuario

luns, 19 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Historicamente as páxinas de perfil de Instagram amosan un mosaico de imaxes cadradas organizadas en filas de 3 elementos, o que incluso aproveitaban moitos influentes para compor imaxes, o que podería converterse nunha práctica de risco, xa que están detectar como algúns usuarios están a ver na portada dos perfís de Instagram unha grella de imaxes en formato vertical (como xa aparece actualmente a categoría de vídeos de cada perfil).
Ao parecer, Instagram leva un tempo probando este novo formato de imaxes de portada, que actualmente se aplica a un número reducido de usuarios da plataforma, pero que podería chegar a todos no futuro.
Deste xeito Instagram adaptaríase ao tipo de contidos que actualmente é maioritario, que tende ao contido vertical en vez de ás imaxes cadradas que había nos seus comezos (simulando ás clásicas fotografías Polaroid).
Con este novo formato evitaríase que as miniaturas dos perfís estivesen drasticamente cortadas para adaptarse a un formato cadrado, polo que teremos miniaturas máis ilustrativas, aínda que podería estragar o deseño de perfís que en moitas ocasións perseguen marcas e influentes (aínda que dun xeito un tanto ridículo, xa que a meirande parte dos usuarios de Instagram consumen os contidos en tamaño grande, e non visitando perfís).