Investigadores da UVigo reivindican os beneficios da Realidade Virtual en persoas con esclerose
venres, 3 de maio do 2024
Investigadores da Facultade de Fisioterapia (UVigo) desenvolven coa Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) un proxecto que analiza beneficios do exercicio terapéutico con lentes de Realidade Virtual en persoas con esclerose múltiple. Coordinado polos fisioterapeutas Gustavo Rodríguez e Pablo Campo, do grupo HealthyFit da UVigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, preto dunha vintena de socios e socias de AVEMPO participaron neste estudo pioneiro, que conta co financiamento do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (COFIGA).
“Neste colectivo non había investigacións que exploraran os usos da Realidade Virtual inmersiva para a mellora das súas capacidades funcionais”, destaca Campo respecto dun estudo que se insire á súa vez no convenio de colaboración entre a UVigo e AVEMPO e no que participou tamén a estudante de mestrado de Fisioterapia Elena Ferreiro.
Dando continuidade a proxectos previos do grupo HealthyFit, que exploraban os beneficios da actividade física con dispositivos de RV, este estudo céntrase na realización e posterior análise dun programa de exercicio baseado no uso de exergames, videoxogos que implican unha compoñente física e cognitiva.
“Traballaramos xa con persoas con párkinson ou alzhéimer e tratamos de extrapolar esta experiencia previa a un colectivo co que non se realizarán intervencións deste tipo, maila que xa exploramos os beneficios do exercicio nesta poboación nun artigo publicado no Journal Clinical Medicine”, apunta Campo, lembrando que “a esclerose múltiple é unha enfermidade neurodexenerativa inflamatoria crónica, que implica diferentes afectacións xerais, na marcha, no equilibrio e na forza ou problemas de control motor e tamén unha sintomatoloxía máis específica, como poden ser cadros de fatiga moi marcados, e que ademais afecta a persoas moi novas”.
O programa foi realizado a un grupo de persoas cunha idade media próxima aos 40 anos.
O proxecto abrangueu o desenvolvemento dun programa de exercicio de oito semanas, con dúas sesións semanais, nas que un grupo de participantes debía desenvolvía diferentes actividades cunhas lentes de Realidade Virtual inmersiva Oculus Quest 3, un dispositivo de última xeración. Esta actividade foi supervisada pola fisioterapeuta Elena Ferreiro, como parte do seu traballo final no mestrado en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia, xunto co persoal da asociación e, de xeito, paralelo, outro grupo de participantes no estudo seguiu realizando as actividades programadas polas asociación.
Campo relata que rematada a intervención e feitas as avaliacións finais, “os resultados iniciais son positivos”, xa que constatan que desenvolver do programa é “factíbel e seguro, sen efectos adversos”, así como a “elevada satisfacción e o compromiso” das e dos participantes coa iniciativa.