Investigadores do CiTIUS crean o que sería o sistema máis preciso do mundo en interpretación de electrocardiogramas

xoves, 9 de febreiro do 2017 Redacción

Os investigadores do centro CiTIUS, emprazado na Universidade de Santiago, veñen de dar forma ao que sería, nas súas palabras, “o sistema automático máis preciso do mundo para interpretar o electrocardiograma”. O sistema, que melloraría polo tanto todos os recursos análogos que están hoxe en día dispoñíbeis, xa está no punto de mira de investigadores do senlleiro Massachusetts Institute of Technology (MIT), un dos centros tecnolóxicos máis reputados do mundo. O MIT empregou a tecnoloxía galega con rexistros reais de máis de 50.000 pacientes.
O sistema desenvolvido nos laboratorios do CiTIUS pon un punto de certeza, exactitude e eficacia na maré de información que representa o historial cardiolóxico dunha persoa. Para facernos unha idea do que representa, marca distancias importantes con respecto aos sistemas automáticos actuais para a interpretación do electrocardiograma (ECG), empregados en “áreas críticas” como as Unidades de Coidados Intensivos (UCI) e incapaces, segundo informan os investigadores do CiTIUS, de fornecer información exacta e fiábel dos doentes aos cales fan seguimento. O motivo? A “escasa ou nula capacidade para disociar os sinais identificados como ruído da información principal”, sinalan, salientando que este feito obriga aos facultativos a supervisar en persoa o proceso, cada pouco.
As devanditas alteracións nos datos contidos no ECG, malia o moito camiño avanzado ao longo destas tres últimas décadas en materia de investigación, non foron aínda emendadas. Aí entra en xogo precisamente a tecnoloxía desenvolvida dende o CiTIUS, (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela).
O sistema, máis polo miúdo, parte da seguinte base: xa que se avanzou tan pouco neste tempo, ao longo de diferentes vieiros, por que non comezar dende o principio? Tendo en conta esta pregunta, os investigadores galegos desenvolveron o que chaman o procedemento Constrúe, un novo método para a interpretación de sinais electrocardiográficos baseado “nun modelo de razoamento distinto ao que se coñece como razoamento abdutivo”, informan, explicando que este “consiste en considerar a interpretación do electrocardiograma como un proceso de formación de conxecturas que deberán ser verificadas a posteriori”. Na súa opinión, trátase dunha “metodoloxía que vai alén da simple observación e que permite interpretar ao xeito aqueles anacos afectados por ruído en base ao seu contexto para minimizar de maneira moi relevante a cifra de alarmas falas”. Os investigadores lembran a este respecto que “as persoas facemos uso do razoamento abdutivo cando respondemos a unha situación formulando hipóteses que poidan explicala da maneira máis precisa posible”. En virtude disto é posíbel facer cousas como, por exemplo, comprender unha conversa telefónica ruidosa. É como se o contexto nos axudase a encher os posíbeis baleiros de información.
Exterior do edificio do CiTIUS no Campus Sur de SantiagoO novo método, desenvolvido polos investigadores do programa de e-Saúde do CiTIUS Tomás Teijeiro, Paulo Félix, Jesús Presedo e Daniel Castro, foi publicado na revista IEEE Journal of Biomedical and Health Informatics. Tras validar a súa eficacia utilizando unha base de datos de referencia, os autores do traballo comprobaron que os seus resultados melloraban “de maneira substancial” as prestacións de todos os sistemas automáticos dispoñíbeis até a data, “mesmo comparábeis ás ofrecidas polos semi-automáticos, ou sexa, os supervisados por un experto. O CiTIUS informa este respecto que as análises “confirmaron axiña as potencialidades do algoritmo, que xa deu lugar a varias colaboracións internacionais”. A máis recente, a devandita co Broad Institute of MIT and Harvard.

PUBLICIDADE