Investigadores internacionais xúntanse no CITIC para resolver retos da industria financeira

luns, 18 de abril do 2022 S. P.

O Centro de Investigación TIC da UDC (o CITIC) vai acoller esta semana, do martes 19 ao venres 22 de abril de 2022, unha actividade internacional de investigación tecnolóxica arredor dos grandes desafíos actuais da industria financeira. Trátase da Study Week with Financial Industry, acción organizada no marco do Doutoramento Industrial Europeo ABC- EU- XVA da convocatoria MSCA do Programa Marco H2020.
Segundo explica o CITIC, ao redor de trinta investigadores internacionais organizados en equipos traballarán durante a celebración das xornadas na resolución de tres problemas expostos por empresas do sector financeiro involucradas no proxecto, entre as que se atopa Abanca e Rabobank. Ademais, a axenda inclúe as presentacións dos doutorandos financiados con cargo ao proxecto sobre o avance nos seus traballos de teses.
O Doutoramento Industrial Europeo ABC- EU- XVA en finanzas cuantitativas comezou a súa andaina en 2018 e conta coa participación da Universidade da Coruña e as universidades de Bolonia, Delft e Libre de Bruselas, xunto co CWI de Amsterdam. Tamén interveñen no proxecto institucións financeiras como o Banco Santander, Abanca, Belfius Bank, Rabobank e UnipolSai.
Os membros da UDC e investigadores do CITIC involucrados en ABC- EU- XVA desenvolveron previamente, entre 2014 e 2018, o doutoramento europeo WakeUpCall, tamén enmarcado no ámbito das finanzas. Ambos os doutoramentos industriais han suposto unha captación de fondos para a UDC dun millón de euros.

PUBLICIDADE