Jennifer Aniston racha Instagram ao estrear conta nesa plataforma

mércores, 16 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Resulta difícil predicir cando unha celebridade tradicional pode trasladar o seu éxito á Rede, o que, por outra banda, actualmente é unha esixencia da industria do audiovisual de cara á promoción de novas producións, e quen vén de demostrar que chegar tarde non sempre é un problema é Jennifer Aniston, que vén de publicar unha fotografía en Instagram cos seus compañeiros da serie Friends (que este ano celebra o seu 25º aniversario) conseguindo superar en menos de 24 horas os 9 millóns de gústames e os 7 millóns de seareiros, cantidade que probablemente podería ter sido máis elevada se non fose porque a súa estrea en Instagram xerou un volume de tráfico tal que provocou un fallo no sistema e durante certo tempo o perfil da actriz non estivo accesible.
Aínda que Aniston só publicou unha fotografía en 24 horas, si estivo máis activa nas súas historias, nas que comparte as reaccións de benvida doutras celebridades e comeza a preparar o terreo para promocionar The Morning Show, serie na que participa con outras estrelas como Reese Witherspoon e Steve Carell, e que semella ser o motivo real para que Aniston estea máis activa en redes sociais, xa que esta produción é exclusiva de Apple TV+, plataforma moi tecnolóxica, que ao ser un novo xogador no sector tan competitivo do vídeo baixo demanda precisa de todo o pulo posible para pór en valor o seu reducido catálogo de produción propia.
Resulta difícil entender como unha das grandes estrelas de Friends tardou tanto en contar cunha presenza oficial en Instagram, pero o feito de que antes dun novo traballo dese tal paso é un sinal de que as redes sociais xogan cada vez un rol máis activo á hora de conectar coa audiencia e gañar a súa fidelidade.

The Morning Show é un drama ambientado no mundo da televisión que pode resultar rechamante polo feito de que dos dous seus protagonistas (Jennifer Aniston e Steve Carell) proveñen do mundo da comedia

PUBLICIDADE