Jesús Balado, recoñecido pola RAGC pola súa contribución ás nubes de puntos e á seguridade viaria

luns, 21 de setembro do 2020 S. P.

O investigador Jesús Balado, membro do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo, elaborou unha tese na que afondou na creación de mapas para calcular rutas seguras para viandantes. Esta liña de traballo de Jesús Balado (que pon en xogo mapas de peóns xerados a partir de nubes de puntos) mereceulle a obtención do Premio Abertis sobre Seguridade Viaria e, agora tamén, unha das dúas mencións honoríficas que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) outorga dentro dos seus Premios de Investigación Ernesto Viétez correspondentes ao ano 2020.
A mención honorífica recoñece o desenvolvemento dun método para minimizar o uso de mostras en nubes de puntos para o adestramento de redes neuronais capaces de clasificar dixitalmente obxectos urbanos como bancos, colectores de lixo ou semáforos, cun 99,5% de precisión.
Xunto ao investigador da UVigo, a mención ao investigador novo recaeu este ano en Esteban Suárez do CiQUS da USC por un estudo no campo dun tipo polímeros, denominados helicoidais sintéticos, que permite desenvolver novos nanomateriais cun comportamento multifuncional e propiedades aplicábeis á biomedicina e ás TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), como encapsulado de substancias e desenvolvemento de sensores.
Pola súa banda, o traballo científico distinguido co Premio Investigación 2020 da RACG, dotado con 6.000 euros, recaeu en investigadores do CiMUS da USC polo descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular que abre novas portas ao estudo e tratamento de enfermidades como o cancro e doenzas inmunes.
Na categoría de investigadores novos o galardón, dotado con 2.000 euros, foi para o investigador do CITIC da UDC Raúl Santoveña, que participou de xeito determinante no descubrimento das estrelas ricas en fósforo, descoñecidas ata agora.
A entrega de premios, que este ano acadan a súa 29ª edición, terá lugar durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro.
A contribución de Jesús Balado
O investigador Jesús Balado quixo reivindicar no seu traballo as posibilidades que abre a creación de mapas de nubes de puntos, cos que é posíbel clasificar os elementos do solo urbano (beiras, escaleiras, ramplas) e, con esa información, dar forma a un mapa que nos axude a calcular rutas reais e seguras para camiñantes, transitando por beirarrúas ou cruzando pasos de peóns. A través destas tecnoloxías tamén se salva un dos principais escollos que poñen no camiño aplicacións como Google Maps, que xeran itinerarios que na práctica non son viábeis para o seu uso por parte dos peóns, ao estar baseados principalmente en mapas de estradas, o “que se traduce en que o itinerario proposto transcorre por unha vía que pode non ter beirarrúas aos lados ou cruzar por lugares que non son seguros”. Outra das vantaxes da técnica que propón Balado na súa tese é a posibilidade de comprobar se as zonas a transitar son accesíbeis, diferenciando traxectos para individuos con mobilidade reducida e os que non a teñen.
Esta alternativa centrou a tese de doutoramento Classification and modelling of urban environments from point clouds for physical accessibili-ty diagnosis and pedestrian pathfinding.

PUBLICIDADE