José González e Zeltia Lado visitan o Hub de Innovación e Talento de Telefónica
venres, 20 de xuño do 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou en Madrid Distrito Telefónica, o Hub de Innovación e Talento de Telefónica, onde puxo en valor a formación dixital como ferramenta esencial para superar os retos empresariais actuais e atender as necesidades do mercado laboral. A visita foi este venres 20 de xuño.
Durante a estadía no Distrito Telefónico, na que tamén participou o director de Territorio Norte de Telefónica, Manuel Ángel Alonso, o concelleiro valorou “o compromiso de Telefónica coa capacitación e o desenvolvemento profesional como motores de transformación”. Amais, puxo en relevo o papel clave da modernización tecnolóxica na mellora dos servizos públicos para a cidadanía no eido do emprego.
González fixo un repaso pola aposta transformadora da Xunta no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), que, segundo dixo, “sitúa a comunidade á vangarda da dixitalización orientada á empregabilidade”, e que ten un dos seus piares principais en EMi, ferramenta recoñecida pola Comisión Europea e implantada nas 54 oficinas de emprego de Galicia, que emprega IA para casar oferta e demanda e que, engadiu, “xa permitiu realizar o perfilado competencial de máis de 62.000 persoas desde setembro de 2024”.
O conselleiro agradeceu tamén a colaboración de Telefónica co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, consolidado xa como un referente formativo no sector TIC galego.
José González subliñou “a importancia de promover unha formación que dea resposta ás necesidades reais do tecido produtivo, contribuíndo a mellorar as competencias e habilidades das persoas traballadoras, tanto ocupadas como desempregadas, especialmente en eidos clave como o dixital”.
