Juan José González Cid, secretario do CPEIG e enxeñeiro informático, premio da Unión Profesional de Galicia

martes, 13 de maio do 2025 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou o galardón concedido ao enxeñeiro informático e secretario da entidade Juan José González Cid nos Premios á Excelencia e Compromiso Profesional 2025 da Unión Profesional de Galicia (UPG). Estas distincións foron entregadas o pasado sábado 10 de maio nun acto celebrado no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago ao que asistiron o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o tesoureiro do Colexio, Francisco Rodríguez.
O CPEIG propuxo a Juan José González Cid para este galardón por representar a “excelencia calada e constante”. Como secretario do CPEIG desde 2011, traballa cunha dedicación exemplar, sempre desde a discreción, cun carácter próximo e colaborador. “O seu compromiso co servizo público, a inclusión social e o impulso de proxectos como Navega con Rumbo ou o premio e-Inclusión da gala da Noite que organiza anualmente o Colexio, reflicten a súa vocación por mellorar a vida das persoas a través da tecnoloxía. É, sen dúbida, merecedor deste recoñecemento polo seu labor incansable, a súa xenerosidade e a súa humanidade”, manifestou o Colexio.
Juan José González Cid (Ourense, 1977), que vive a cabalo entre a cidade das Burgas e Santiago, é enxeñeiro en Informática pola Universidade de Vigo e Mestrado en Dirección de Proxectos con especialización en Seguridade Informática. Funcionario de carreira en distintas administracións públicas e docente na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e a Universidade de Vigo. Actualmente traballa no ámbito TIC do Ministerio para la Transición Ecológica. Foi recoñecido pola Agencia Española de Protección de Datos (AEPD) e a Seguridade Social polo seu labor en ciberseguridade e inclusión dixital.