Juan Naya: “Sabemos o que estamos facendo hoxe en materia tecnolóxica, pero mañá todo pode cambiar”

venres, 18 de marzo do 2022 S. P.

O mundo cambia e o mundo tecnolóxico ten aínda un ritmo máis acelerado. Na consultora Vitae, amais de adestrarnos no manexo das ferramentas de xestión, análise de datos e comunicación máis avanzadas do panorama TIC, tamén se nos mostra como permanecer en estado de continua actualización. Dito doutro xeito: Vitae ponnos á par dos grandes desenvolvementos tecnolóxicos na súa carreira cara a excelencia. Nesta entrevista falamos con Juan Naya, formador de Vitae e encargado de achegar aos nosos profesionais aos segredos de Power BI e DAX avanzado, potentes ferramentas para o tratamento de datos no eido empresarial.
-Vitae Consultores é sen lugar a dúbidas un dos grandes referentes tecnolóxico-formativos do ámbito galega e por suposto estatal. A listaxe de cursos que ofrece é considerábel e todos eles son convocados co nexo común de converter aos profesionais TIC en mellores profesionais. Haberá outras portas nas que petar e outras alternativas, pero se tivera vostede que destacar algúns puntos da actividade de Vitae, que destacaría?
-Da consultora Vitae destaca o seu coñecemento do sector, coma ben apuntas, pois leva moitos anos dedicada á formación nas empresas TIC. Destaca a súa inquietude por ofrecer formación de alto valor engadido. Enfocada a impartir formacións dos máis diversos temas, dende máis xenéricos até os temas máis específicos que poden precisar os diferentes profesionais do sector. Teñen un labor non somentes reactivo, senón que proactivo, propoñendo novas accións ou camiños formativos. E, inda por enriba, sempre con profesionais de primeiro nivel. Deberíamos salientar tamén, como non, o seu valor humano, a súa implicación coas empresas e cos participantes nos cursos. Sempre con eles no centro, para tratar de enfocar as accións cara ás súas necesidades e requirimentos. Sempre con unha actitude proactiva, propoñendo novas accións ou camiños formativos.
-Podemos ser bos profesionais TIC sen formarnos nin actualizar os nosos coñecementos e habilidades?
-Se hai tempo que se di que estamos na era da información, de nada valerá se non vai da man dunha aceleración na formación e o adestramento. Diría que estamos máis preto da era da aprendizaxe. Sabemos o que estamos facendo hoxe, pero mañá todo pode cambiar. Pode aparecer unha nova oportunidade, un novo produto. Temos que estar capacitándonos de continuo. Afondando no que sabemos, reciclándonos se é preciso, pero sempre coa vista posta ao noso arredor. Aprendamos cousas novas cada día, aínda que non sexan directamente do noso eido de acción, porque todo isto nos vai axudar a medrar.
-Que papel xoga vostede na nova oferta formativa de Vitae para o ano que vén de comezar?
-O meu labor é organizar formacións na ferramenta de Microsoft Power BI, e ferramentas de xestión da información. Hoxe en día consumimos moita información de BBDD de ERP levándoas ao Excel. Esa é a realidade. Pero hai máis cousas que se poden facer. Dun modo ben ordenado, e seguindo os pasos adecuados, seremos capaces de ter a información que cada vez teñen máis usuarios, que queren saber utilizar, saber crear cadros de mando, informes que compartir, dun modo moi potente, consistente e visual.
-Nun plano máis específico, resúmanos o tipo de recursos que poñen en xogo as ferramentas Power BI e Dax Avanzado para os nosos profesionais e empresas TIC, ferramentas que vostede mostra como utilizar a través da consultora Vitae...
-Power BI é unha aposta moi potente de Microsoft para a xestión e visualización da información. Ofrece posibilidades de conexión a centos de orixes diferentes cos seus conectores. Permite preparar os datos, modelalos e crear os cálculos que poidamos precisar para visualizar a información demandada polo consumidor. Co consumidor de informe no centro, deséñanse os informes que dean resposta as súas preguntas de negocio. Esta información será sinxela de compartir e consumir no diferentes dispositivos. Por suposto, pódese actualizar a información de modo programado, crear alertas, etc. Pola súa banda, DAX é a linguaxe coa que se realizan os cálculos no modelo. É unha linguaxe de funcións, que pode ofrecer coma resultados valores escalares, os clásicos que levaríamos a unha táboa dinámica pero tamén táboas. De maneira que tamén é unha linguaxe de consultas. Como din os grandes gurús do DAX, os italianos Marco Russo e Alberto Ferrari: “DAX é simple, máis non é sinxelo”.
-Por que son tan importantes e cruciais estas ferramentas para garantir o éxito dun proxecto?
-Estas ferramentas, ao tratar coa xestión e a visualización da información das compañías rematan por ter unha gran importancia. Os cadros de mando que se mostran, os paneis informativos que van consumir as persoas da empresa e que serán fundamentais na toma de decisións da compañía, dependen de que a información que se lles subministre estea ben estruturada, e por suposto, que sexa certa.
-A actividade que vostede desempeña en Vitae é sempre a mesma, sen variacións, ou ten que estar suxeita ás variacións e actualizacións das que é obxecto o panorama tecnolóxico internacional?
-Power BI lanza actualizacións case cada mes. É unha ferramenta moi aberta á comunidade e o seu desenvolvemento é constante. Estas novidades precisan de tempo para asimilar, incorporar na documentación das formacións, preparación dos exemplos, adaptacións nos casos de estudio, así como actualizacións dos proxectos desenvolvidos.
-Pode un profesional do ámbito informático facer o mesmo curso sobre o mesmo contido en diferentes ocasións? Recoméndase facelo?
-Como dicía, os avances e os cambios son constantes nestas ferramentas e, tamén, nas que están ao seu arredor. De modo que aínda que quixésemos sería difícil dar dúas veces o mesmo curso. A estrutura pode ser similar en moitos casos, pero os contidos, poden, e deben ir mudando. As formacións en aberto levan un programa máis específico, no que se trata de ensinar certas propiedades desa ferramenta, casos nos que aplicar, solucións que imos obter, camiños polos que seguir, recursos... Nos cursos que se preparan para realizar in company sempre poden levar unha compoñente máis ad-hoc, no programa e nos contidos. De modo que se enfoquen máis a necesidades a resolver.
Hoxe en día a especialización e o cariño cara ao cliente é o que che axuda a marcar a diferenza, gañar a confianza dos clientes, que queden satisfeitos, que aproveiten o aprendido e que queiran repetir con novos contidos.

PUBLICIDADE