Julio Abalde impulsa na UDC o acceso aos servizos públicos dixitais entre o alumnado

mércores, 29 de abril do 2026 S. P.

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, presentou este mércores 29 de abril unha nova xornada do programa A Administración Preto de Ti destinada ao alumnado universitario, cunha dobre sesión celebrada no Campus de Ferrol e no Campus de Elviña da Universidade da Coruña (UDC).
A iniciativa desenvolveuse en colaboración coa UDC dentro do programa Emprega-T, orientado a acompañar o alumnado na transición entre a etapa universitaria e o mercado laboral, ofrecendo orientación práctica, formación en competencias profesionais e información sobre saídas laborais.
Durante a súa intervención, Julio Abalde destacou a importancia de que a mocidade coñeza os recursos dixitais da Administración. “Queremos que a xente nova teña acceso a coñecementos útiles e ferramentas que lles faciliten trámites esenciais, desde solicitar unha bolsa ata darse de alta na Seguridade Social”, sinalou.
Nas sesións, persoal da Subdelegación do Goberno e da Tesouraría Xeral da Seguridade Social explicou de maneira práctica o funcionamento da administración dixital, as distintas formas de identificación electrónica e os principais servizos dispoñibles para a cidadanía.
Entre outros contidos, debullou as funcionalidades do DNI electrónico, do sistema Cl@ve, do certificado dixital da FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) e da Carpeta Cidadá, así como trámites relacionados coa vida académica e laboral da mocidade, como bolsas, títulos universitarios, emprego público, alta na Seguridade Social ou declaración da renda.
A actividade incluíu ademais unha parte práctica na que se axudou ás persoas asistentes a solicitar certificados dixitais e se realizou unha demostración de trámites electrónicos, co obxectivo de reforzar a súa autonomía no uso destas ferramentas.
Julio Abalde lembrou que “hoxe máis do 90% das xestións e comunicacións coa Administración Xeral do Estado poden realizarse de maneira dixital”, e subliñou que este programa forma parte da estratexia do Goberno de España para modernizar os servizos públicos e achegalos á cidadanía.