Julio Sánchez Agrelo, novo decano do COETG

xoves, 27 de abril do 2017 Redacción

Julio Sánchez Agrelo, decano do COETGO Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, COETG, ten nova directiva. En concreto, o proceso interno de eleccións á xunta de goberno, vén de saldarse coa proclamación e investidura da candidatura encabezada por Julio Sánchez Agrelo. A nova equipa directiva tomou posesión do seu cargo na xunta de goberno celebrada hai dous días, o 25 de abril. O decano entrante agradeceu o compromiso adquirido polas persoas coas que compartiu candidatura para, nas súas palabras, “traballar nesta nova etapa que agora comeza, en prol dos intereses do colectivo de enxeñeiros de Telecomunicación e da sociedade galega”.
Sánchez Agrelo tamén expresou o seu o seu “especial agradecemento” aos integrantes da equipa saínte, polo traballo desenvolvido durante 12 anos á fronte do COETG, os cales, da man de Ramón Bermúdez de Castro como decano, “conseguiron dar visibilidade á entidade ante as administracións, o sector TIC e a sociedade en xeral”.
Entre os obxectivos que asumen as enxeñeiras e enxeñeiros da nova directiva figuran os seguintes: fomentar o desenvolvemento do sector TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) en Galicia, aumentar a implicación do colectivo de enxeñeiros de Telecomunicación en áreas emerxentes como a Industria 4.0 e fomentar as relacións coa Administración e as empresas para xuntar esforzos co conxunto do devandito sector tecnolóxico-dixital.
O novo decano, Julio Sánchez Agrelo, é enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid e ao longo da súa traxectoria profesional ocupou diferentes postos de responsabilidade en empresas de relevancia no tecido empresarial dixital, estando a súa última etapa ligada á operadora de telecomunicacións galega, R, na que traballou para a súa creación dende 1998 e nela dirixiu a División de Rede, encargada da enxeñería, construción e operación da rede de fibra óptica e de servizos móbiles.
A nova composición da xunta de goberno está formada por 17 membros de diferentes perfís profesionais que abranguen a profesión da Enxeñería de Telecomunicación dende múltiples perspectivas como a universitaria, a administración pública, a empresa, o libre exercicio da profesión ou mesmo a literaria.
Composición da nova xunta de goberno do COETG
Decano: Julio Sánchez Agrelo
Vicedecana: María Edita de Lorenzo Rodríguez
Secretario: Ricardo Fernández Fernández
Vocal 1º (Tesoureiro): Fernando José Cendán Garrote
Vocal 2º: Antonio Santiago Torres López
Vocal 3º: Justo Rodal Pérez
Vocal 4º: María Pilar Chapela Villanueva
Vocal 5º: Juan Redondo López
Vocal 6º: César Mariñas Dávila
Vocal 7º: Luis Castedo Ribas
Vocal 8º: José Manuel Ordóñez Suárez
Vocal 9º: Pilar Villaverde Castro
Vocal 10º: Javier Santos Fernández Fraga
Vocal 11º: Francisco Javier Laíño Colinas
Vocal 12º: Francisco Javier Alcalá Navarro
Vocal 13º: José Miguel Gómez Apesteguía
Vocal 14º: Sara María Rodríguez Paz

PUBLICIDADE