KFC anuncia un ordenador para xogar cun espazo para manter quente o polo
mércores, 23 de decembro do 2020
Se
dalgo saben en KFC é de márketing, de aí que adoptasen unha imaxe moi peculiar
convertendo en icona ao seu fundador, o Coronel Sanders ou tamén reducisen o
seu nome (Kentucky Fried Chicken) a siglas para restar peso ao tipo de
preparación da súa comida (que pode entenderse como pouco saudable); e un
exemplo actual destas tácticas e a súa forte presenza nas redes sociais
achegándose moi especialmente aos amantes dos videoxogos, aos que sorprenderon anunciando o
remate da guerra de consolas coa chegada da KFConsole.
Aínda que dan a entender que KFC entraría no mercado das videoconsolas, a cousa
é ben diferente, e o produto promocionado, que podería pasar por broma do
Primeiro de Abril, sería unha
caixa compacta de ordenador fabricada por Cooler Master que sorprendería ao
mundo ao incorporar un caixón cunha grella destinado a colocar pezas de polo
que manter quente coa calor xerada polo equipo informático.
Esta idea é bastante tola, e podería quedar nunha simple campaña promocional,
pero o produto, do que aínda non se anunciou nin prezo nin data de lanzamento,
si podería ser real, xa que polo que anuncian non sería máis que unha versión
personalizada das caixas
NC100 de Cooler Master, que permiten montar un equipo baseado na
arquitectura Intel NUC 9, cunha gráfica de Asus capaz de mover xogos a 4K e con
almacenamento de estado sólido de Seagate. Esta combinación de factores podería
permitir configurar un ordenador de tamaño moi compacto, capaz de mover xogos até
a 240 imaxes por segundo en 4K, contando tamén con soporte para ray tracing
e realidade virtual, o que hai que recoñecer que non sería precisamente
económico (podemos falar tranquilamente dun ordenador que custe entre 2.000 e
3.000 euros).
Ten sentido deseñar un ordenador que aproveite a calor xerada no seu interior
para manter quente o polo? Chegará realmente a fabricarse este produto? Haberá
que velo, pero polo momento xa captou a atención do público, polo que como campaña
publicitaria pode considerarse todo un
Vídeo promocional da KFConsole