KFC celebra os seus 30 anos en China cun smartphone

mércores, 12 de xullo do 2017 Marcus Fernández

En Europa non estamos afeitos a ver dispositivos de electrónica de consumo lucindo a imaxe de compañías doutros sectores, pero nos mercados asiáticos é bastante máis habitual, e do mesmo xeito que hai un par de anos comercializaron un teléfono de Pepsi, agora sorprenden cun smartphone de Kentucky Fried Chicken (KFC) para celebrar os 30 anos da marca en China.
O smartphone en concreto que chama poderosamente a atención é unha edición limitada do Huawei Enjoy 7 Plus en cor vermella e co logotipo de KFC e a cara do Coronel Sanders impreso na parte traseira do terminal, que está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 425, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), pantalla IPS de 5 polgadas de alta definición, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1 e batería de 3.020 mAh. Funciona con Android 7.0 coa capa de personalización EMUI 5.1 (e a aplicación móbil de KFC pre-instalada), ten un grosor de 8,05 milímetros, pesa 145 gramos e sairá á venda mañá mesmo a un prezo de 1.099 iuans (140,97 euros).
Un produto moi curioso, pois resulta difícil de imaxinar que haxa xente que merque un smartphone para facer ver a súa afinidade a unha cadea de restaurantes.

PUBLICIDADE