LG e Razer presentan unha tecnoloxía de mandos Bluetooth cunha latencia de 1 milisegundo

venres, 27 de setembro do 2024 Marcus Fernández

A colaboración entre LG Electronics, Razer e MediaTek fixo posible o primeiro mando de xogos con Bluetooth de ultra baixa latencia (BT ULL), que vén de presentarse no LG webOS Summit 2024. A demostración realizada no encontro organizado por LG contaba cun televisor LG con webOS e un mando Bluetooth de Razer cun input lag (retardo) de só 1 milisegundo, o que permite gozar de xogos con precisión de control.
Esta tecnoloxía é especialmente importante agora ante a explosión do xogo na nube, que pode realizarse directamente dende os televisores, de xeito que prescindindo de consola, pero contando cunha boa conexión á Rede e un mando cunha rápida resposta pódese conseguir unha experiencia moi semellante á que se tería cunha consola de videoxogos tradicional, incluso en shooters, xogos de loita e xogos de condución.
Dende LG pretenden introducir un programa de certificación para fabricantes de mandos (comezando por Razer), que así poidan indicar claramente que son compatibles con BT ULL e deste xeito funcionarían con idoneidade nos televisores conectados de LG.
Os televisores de LG que permitirán este tipo de conexións serán os equipados cun chipset MT7921 de MediaTek, empregando até o momento para conseguir unhas conexións Wi-Fi 6 fiables e eficientes, e que pronto abrirán a porta tamén para os mandos con ultra baixa latencia.
Está previsto que os televisores de LG con tecnoloxías OLED e QNED que soporten velocidades de refresco de a partir de 120 Hz inclúan BT ULL de lanzamento a partir de 2025.