LG estrea procesador de seu no LG G3 Screen

venres, 24 de outubro do 2014 Marcus Fernández

LG Electronics está a seguir os pasos de fabricantes como Apple e Samsung, e comeza a integrar procesadores propios nos seus smartphones, comezando polo LG G3 Screen, que será o primeiro teléfono en contar co novo procesador NUCLUN, que integra un ARM Cortex A15 de catro núcleos a 1,5 GHz e un ARM Cortex A7 de catro núcleos a 1,2 GHz, que se empregan en función das necesidades de procesamento para optimizar o consumo de batería. O procesador tamén facilita o acceso a redes LTE-A de categoría 6, ou sexa, que permite descargar a velocidades de até 225 Mbps.
O LG G3 Screen, aparte de estrear o procesador NUCLUN, non deixa de ser un smartphone notable, cunha pantalla IPS Full HD de 5,9 polgadas, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante microSD), cámara traseira de 13 Mpíxeles con estabilización óptica, cámara frontal de 2,1 Mpíxeles, un potente altofalante de 1 watt, Android 4.4, batería de 3.000 mAh, un grosor de 9,5 milímetros e un peso de 182 gramos.

PUBLICIDADE