LG lanzará en breve un reprodutor dual de HD DVD e Blu-ray

xoves, 4 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

No eido da tecnoloxía (e noutros eidos seguro que tamén), unha das teimas máis preocupantes das empresas e insistir día tras día no moito que están a traballar polo noso benestar, por facernos a vida máis doada e agradable. Porén, moi poucas se preocupan de darlle unha saída sostible e axeitada ós seus produtos unha vez que xa non cumpren a súa función (os países máis pobres do mundo estanse a encher de lixo tecnolóxico e non saben que facer con el). Mentres, obrigan ós consumidores a desfacerse ós poucos anos (ou até meses) da tecnoloxía que foi vendida como un desenvolvemento para perdurar e a reemprazala por outra nova que (agora si) vai ser o invento definitivo.
O caso do DVD é paradigmático de todo isto, cos dous novos formatos (HD DVD e Blu-ray) que veñen a substituílo nos nosos fogares poñéndonos ademais no dilema de decidírmonos entre un e outro, como en tempos tivemos que optar entre o VHS e o Beta. A solución a toda esta enleada? Probablemente pase por agardar a que a situación se estabilice e os prezos baixen antes de mercar nada, pero para os que non poden aturar a espera quizais sexa unha boa opción a que vén de presentar LG: un reprodutor dual cos formatos Blu-Ray e HD-DVD.
É este un claro caso de oportunismo empresarial que se aproveita do desespero e do enfado dos consumidores? Probablemente así sexa, pero o certo é que non lle falla sentido común á proposta (xa que Sony e Toshiba, desenvolvedores dos dous devanditos formatos, non chegaron a amosalo cun acordo de compatibilidade). O curioso é que LG, até o de agora, situouse claramente partidario do Blu-ray (o de Sony), mais foi a principios do ano que xa pasou cando decidiu emprazar a súa posición nun lugar máis intermedio. O reprodutor dual de alta definición de LG aparecerá en breve en Estados Unidos, dixo LG nun comunicado, sen achegar apenas máis detalles.

PUBLICIDADE