LG mellora a cor dos seus televisores e o soporte de HDR

martes, 3 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Agora que os fabricantes teñen normalizada a tecnoloxía 4K e o HDR nos seus televisores de grande tamaño, teñen que salientar dalgún xeito as súas últimas innovacións e as melloras na calidade de imaxe que van conseguindo, e á nova edición do CES de Las Vegas LG optou por levar os seus televisores SJ9500, SJ8500 e SJ8000 como exemplo da súa nova tecnoloxía Nano Cell, que levarían os televisores LCD a un novo nivel.
A nova gama de televisores LG de ultra alta definición, grazas á tecnoloxía Nano Cell, presentaría imaxes do xeito máis realista posible, cunhas cores moi precisas nun amplo ángulo de visión (non habería diferenza nas cores de mirar de fronte a pantalla ou de colocarse nun ángulo de 60 graos), á vez que tamén integran Active HDR e Dolby Vision (permitindo así distintos formatos de HDR) e webOS 3.5 (para gozar de aplicacións conectadas).
Dende LG aseguran que o televisor de 55 polgadas SJ9500, cun marco de só 6,9 milímetros na súa parte máis delgada consegue a ilusión de estar frotando no aire, conseguindo así que estas pantallas poidan integrarse moi ben no fogar, tanto sobre o seu pé como instalados na parede.

Os novos televisores de LG gozan dun marco moi estreito, coidando así a súa estética.

PUBLICIDADE