LG prepara uns auriculares para mellorar o sono

luns, 2 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

LG vai levar ao CES de Las Vegas uns novos auriculares sen fíos chamados Breeze, desenvolvidos en colaboración con SleepWave, que prometen mellorar a calidade do sono. Estes auriculares sen fíos funcionan en conxunto cunha aplicación móbil, que reproduce sons específicos en función das ondas cerebrais do usuario en cada momento (determinando o estadio do sono no que estamos), co que axudarán tanto a conciliar o sono como a mellorar a calidade do descanso.
Estes auriculares teñen un deseño confortable e tamén están equipados cun sistema de luz ultravioleta para a súa desinfección.
Aínda que estes auriculares están pensados principalmente para reproducir unha serie de sons relaxantes, tamén poden sincronizarse para reproducir música ou vídeos de YouTube, e a súa aplicación móbil tamén serve para analizar os datos do sono para dar logo recomendacións para un sono saudable, incluíndo rutinas de sono e un horario para manter un sono adecuado. Tamén pode facer un seguimento dos pasos que damos cada día e rexistra as horas de descanso e as posturas nas que durmimos.

Os novos auriculares de LG buscan mellorar o descanso nocturno

PUBLICIDADE