LG presenta monitores OLED para xogadores que poden curvarse

luns, 30 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Durante a celebración do CES de Las Vegas o fabricante surcoreano LG vai amosar ao público varios dos seus monitores orientados ao seu uso para videoxogos, incluíndo modelos integran webOS para poder correr aplicacións para televisores conectados e que así poidan servir de completos centros de lecer.
Entre os novos monitores destaca especialmente o LG UltraGear OLED modelo 45GX990A, por ser o primeiro monitor OLED con resolución 5K2K capaz de encartarse, de xeito que este enorme monitor de 45 polgadas pode comportarse como unha pantalla plana ou adoptar en poucos segundos unha curvatura de 900R para unha experiencia de xogo envolvente.
Outro monitor interesante sería o modelo 45GX950A, que cun panel de 45 polgadas con resolución 5K2K, relación de aspecto 21:9 e curvatura 800R, ofrecerá imaxes de grande calidade grazas á tecnoloxía OLED, destacando polos seus bordes case invisibles. Este monitor conta con DisplayPort 2.1, HDMI 2.1 e USB-C con 90 watts de entrega de enerxía. Tamén soporta os estándares propios dos grandes fabricantes de gráficas, como nVIDIA G-SYNC e AMD FreeSync Premium Pro.
Pola súa banda, o LG UltraGear 39GX90SA optaría por un tamaño de 39 polgadas, formato ultrapanorámico e curvatura 800R, destacando por integrar webOS, de xeito que, aparte para xogar, tamén serviría para funcionar sen ordenador, tanto para gozar de aplicacións de reprodución multimedia como dalgúns servizos de xogo en streaming que contan con aplicación para televisores. Este monitor ten un soporte en L, que facilita a súa instalación nunha mesa minimizando o espazo que ocupa.