LG presenta no Xapón un smartphone cunha pantalla de 2.560 x 1.440 píxeles
venres, 9 de maio do 2014
Tras o éxito acadado polo LG G2, non son poucos os que
esperan para ver o que deparará o seu sucesor, que presumiblemente sería o LG
G3, e como anticipo temos agora o
Isai FL, un smartphone de LG que chegará en exclusiva ao Xapón, e que
destaca especialmente por contar cunha pantalla de 5,5 polgadas cunha
resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, o que supón unha densidade de 536 puntos
por polgada, o que parece un nivel de detalle moi esaxerado se temos en conta
que a pantalla Retina do iPhone 5S limita a súa densidade aos 326 puntos por
polgada.
O novo smartphone de LG está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 801 de
catro núcleos a 2,5 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento (ampliable
mediante tarxetas microSD), cámara traseira de 13 Mpíxeles con gravación de
vídeo en 4K, cámara frontal de 1,3 Mpíxeles, LTE (4G), WiMAX 2+, Wi-Fi,
Bluetooth 4.0, GPS, NFC, batería de 3.000 mAh e sistema operativo Android 4.4
coa personalización gráfica propia de LG. Un potente dispositivo que comezará
a venderse no mes de xullo a través de KDDI en tres cores (branco, azul e
rosa).