LG presenta un Smart TV 3D de só 27 polgadas
venres, 8 de marzo do 2013
Este
mes porase á venda en España o novo
televisor de 27 polgadas LG MT93, que o fabricante surcoreano define como
unha Smart TV persoal, que busca servir de solución para individuos que queren
gozar dunha grande experiencia visual coa súa pantalla Full HD IPS á vez que
non queren comprometer un grande espazo (detalle que aínda resulta máis
destacable se temos en conta que tamén pode empregarse coma monitor de
ordenador).
O LG MT93 ten un marco moi reducido e un pé elegante, de xeito que pode
encaixar en case calquera lugar do fogar, dende o salón ata o dormitorio,
ofrecendo prestacións propias de grandes televisores nun formato reducido.
Temos así un televisor que pode acceder a servizos de vídeo a través da
Internet, é compatible coas tecnoloxías de transmisións sen fíos para compartir
pantallas de dispositivos móbiles (WiDi e Miracast), contrólase coa última
xeración do Magic Remote de LG (que incorpora, entre outras melloras,
recoñecemento de voz), ofrece Picture-in-Picture (PiP) para poder ver 2
programas á vez ou consultar Facebook mentres se ve outro programa de
televisión, ten 3 portos USB (para facilitar a reprodución multimedia e a
conexión de teclado e rato) e incluso funciona como televisor 3D con lentes
pasivas (incluídas).