LG presenta unha versión de gama media do seu G3

xoves, 17 de xullo do 2014 Marcus Fernández

LG presentou hoxe o lanzamento oficial do seu smartphone LG G3 Beat, unha variante do teléfono insignia da compañía que apunta á gama media para chegar a un público máis amplo, pero mantendo unha experiencia de usuario premium e un elegante deseño.
O LG G3 Beat reduce a súa pantalla IPS até as 5 polgadas (e a súa resolución até os 1.280 x 720 píxeles), confórmase cun procesador Qualcomm Snapdragon 400 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM e 8 Gb de almacenamento interno. No apartado da cámara tamén inclúe a tecnoloxía de enfoque automático láser, pero limitando a súa resolución nos 8 Mpíxeles (a cámara frontal tamén queda nuns modestos 1,3 Mpíxeles).
Para completar as especificacións deste smartphone 4G temos que conta con Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, NFC, batería extraíble de 2.540 mAh, un grosor de 10,3 milímetros e un peso de 134 gramos. Venderase en cor negra metálica, branca seda e dourada brillante, chegando as tendas curcoreanas mañá mesmo e pasando a distribuírse en Europa en poucas semanas, dependendo o prezo de venda de cada mercado en cuestión.

O novo smartphone de LG conservaría a aparencia externa do LG G3

PUBLICIDADE