Laber-Microal demostra a existencia de contaminación microbiolóxica nos nosos móbiles

venres, 25 de novembro do 2011 Raquel Noya

Anton Garcia, director xerente de LaberMicroal

O Club Financieiro da Coruña acolleu onte unha peculiar xornada digna das mentes máis curiosas e inquedas do país, a cal, polas súas características, non podemos deixar de citar en Código Cero pois falamos dun seminario de traballo no que se levou a cabo a análise microbiolóxica dos teléfonos móbiles das persoas asistentes.
Baixo o título A aplicación da microbioloxía á tecnoloxía, membros da corporación Laber-Microal puxeron a disposición dos alí presentes un kit para tomar mostras das enterobacterias que se atopaban nos seus teléfonos, dito para que o entendamos todos, dos xermes indicadores das condicións hixiénicas dos mesmos.
Para iso, fregaron cun hisopo a superficie do móbil, con tino de non tocar o algodón coas mans, e gardaron as súas mostras para seren analizadas polo laboratorio, onde se determinará o grao de hixiene do dispositivo electrónico que usamos a diario.
En concreto, esta análise que levará a cabo Laber-Microal, mostrará os niveis de enterobacterias existentes nos terminais, é dicir, os organismos procedentes da contaminación de orixe fecal e/ou contaminación cruzada.
Trátase da mesma proba que a firma realiza para verificar o nivel de limpeza das superficies dunha carnicería, por exemplo, e segundo afirman, malia que ninguén sospeita que o seu móbil poida estar contaminado por bacterias, “os datos obtidos tralo primeiro ensaio realizado este verán, demostran que duns 30 terminais analizados, o 80 por cento estaban contaminados”.
Con este experimento, Laber-Microal pretende sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de lavar as mans “antes de comezar a traballar, antes de comer, despois de ir ao baño ou ao cambiar de tarefa de produción no seu posto laboral”.
As análises das mostras recollidas este xoves son confidenciais, e chegarán ao correo electrónico de cada usuario a mediados da vindeira semana.

PUBLICIDADE