Laboralia centra a súa nova edición nas ligazóns entre TIC e emprego
martes, 10 de abril do 2018
Esta
semana, dende onte, estase a celebrar na Coruña o
salón de emprego Laboralia 2018, organizado polo consello social
da Universidade da Coruña e coa sede de Afundación como centro de
operacións (ata esta sexta feira, venres 13). Este ano, incluíuse
unha importante novidade que nos colle de preto aos integrantes da
“comunidade” Código Cero: a
inclusión dun programa especialmente centrado na relación entre as
novas tecnoloxías dixitais e o emprego. Esta edición de
Laboralia, polo tanto, está a ser un evento especialmente acaido
para toda persoa (empresarias/os, emprendedoras/es, profesionais,
estudantes, tituladas/os) que queira facer sondaxes de por que
vieiros tecnolóxicos vai discorrer o mercado de emprego.
O
programa desta convocatoria inclúe obradoiros e unha xornada
formativa na que se celebrarán conferencias e mesas redondas. Os
relatores dos obradoiros son Yaiza Rubio, primeira muller hacker
de España en participar en Def Con & Black Hat en Las Vegas;
Álvaro Núñez, máster en Seguridade Informática e membro de
Telefónica Dixital España e de Hackers Club Academy; Ángel
Hernández, experto en Intelixencia Artificial e desenvolvemento e
adestramento de chatbots; Félix Brezo, analista de
intelixencia en Eleven Paths; Pablo González, hacker e
responsable de negocio tecnolóxico en Telefónica Digital España e
Ignacio Villoch, construtor de ecosistemas de innovación aberta en
BBVA.
A
xornada formativa, prevista para o día 13 de abril, contará coa
presenza de relatores relacionados co ámbito universitario e con
Juan Antonio Rosell, director de Talento e Transformación de Everis.
