Lanzan unha versión do navegador Mozilla para o Nokia N800

luns, 23 de xullo do 2007 Marcus Fernández

O Nokia N800 é un dos dispositivos de man máis completos dos últimos tempos, permitindo a navegación pola Rede mediante Wi-Fi e unha versión do navegador Opera, contando tamén con soporte de Flash 9 (mentres que outros dispositivos móbiles son incompatibles coa tecnoloxía Flash), aínda que as opcións de navegación se poden mellorar grazas ó novo desenvolvemento de Maemo (compañía que tamén conta cun cliente de Wordpress para o N800), que achegou un navegador web baseado en Mozilla (coma o Firefox) para o sistema operativo Internet Tablet OS 2007, de xeito que podemos contar cun soporte completo de AJAX, vista preliminar de RSS e mesmo algunhas extensións para incrementar as posibilidades do programa.
Estamos ante un avance na portabilidade do proxecto Mozilla que permite ós usuarios do Nokia N800 navegar pola Rede mediante unha aplicación con soporte de HTML 4.01, JavaScript 1.7, AJAX, CSS de niveis 1, 2 e parte do 3, DOM de nivel 1, 2 e parte do 3, XML 1.0, XSLT 1.0, XPath 1.0 e gráficos SVG 1.1 que permite unha boa experiencia de na web dende a palma da man.