Les Corts Valencianes estrean portal desenvolvido por Balidea

martes, 19 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Entre as novidades tecnolóxicas máis relevantes da tempada en materia de administracións e servizos electrónicos figura o lanzamento recente do novo portal de Les Corts Valencianes, un portal que ten o obxectivo de achegar respostas concretas ás demandas de información e servizos da cidadanía, ao tempo que pon en xogo elementos activos de transparencia e participación. O portal foi desenvolvido pola empresa galega Balidea a partir do sistema de xestión de contidos Drupal 8.
Segundo informa a firma con sede en Compostela, traballouse sobre “unha arquitectura de alta dispoñibilidade”, coidando que ficase garantida a mellor experiencia do usuario, a adaptación ás novas tendencias web e a unha tecnoloxía máis versátil e dinámica.
O proxecto, un proxecto multisite (unha alternativa que nos permite ter múltiples sitios diferentes nunha mesma base de datos), artellouse en catro partes: o portal xenérico do parlamento valenciano, o portal de transparencia, o portal de participación cidadá e a intranet de uso interno para todo o persoal de Les Corts.
Entre os servizos máis destacados que pon en xogo para a cidadanía figuran os seguintes: a posibilidade de acceder ás últimas novas da devandita institución ou a opción de coñecer toda a súa actividade parlamentaria con acceso directo a plenos en tempo real. A comunidade de usuarios tamén ten ao seu dispor documentación de múltiples áreas (orzamentaria, lexislativa, parlamentaria etc) e máis un sistema de consulta do histórico de lexislaturas con información relevante de cada unha delas.
O portal preséntase en dobre versión idiomática, en valenciano e castelán, está integrado coas redes sociais do parlamento (Twitter, Facebook, Flickr e Youtube) e permite a opinión a través dun sistema de comentarios. Segundo engade Balidea, “foi concibido de maneira que se poida utilizar de forma cómoda en todos os dispositivos, polo tanto dispón dun deseño adaptativo a smartphones, tabletas e diferentes resolucións de pantalla”.

PUBLICIDADE