Lingua.gal brinda unha chea de materiais para preparar o CELGA, cuxo prazo remata o día 12

martes, 6 de abril do 2021 S. P.

O prazo de inscrición nas probas oficiais do certificado de coñecemento de lingua galega (CELGA), que este ano na súa versión máis básica poden prepararse online (por vez primeira e co fin de garantir a seguridade sanitaria e tirar proveito das posibilidades das novas ferramentas de comunicación), remata este 12 de abril. Así o compartiu estes días a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que lembra que os materiais preparatorios e o curso de autoformación do CELGA 1 poden consultarse no Portal da Lingua Galega.
Ademais do abono das correspondentes taxas (16,59 euros) as persoas interesadas -maiores de 16 anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria- deberán cubrir o formulario de solicitude (modelo PL500C) accesíbel desde a sede electrónica da Xunta de Galicia e indicar nel a proba ou probas ás que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística.
As probas realizaranse entre os meses de maio e xuño e de forma presencial, se a evolución da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 o permite, en Santiago de Compostela, para os niveis CELGA 1, 2, 3 e 4, e en Ponferrada para os niveis CELGA 2, 3 e 4, como vén sendo habitual.
As datas concretas será publicadas xunto coas sedes, horarios e listaxe definitiva de persoas admitidas no Portal da Lingua Galega.
Materiais no Portal da Lingua Galega
A través do dito Portal, tamén se ofrecen materiais cos que é posíbel preparar as probas CELGA por conta propia, sen necesidade de seguir os cursos preparatorios, que segundo recorda Política Lingüística “non son obrigatorios para presentarse aos exames”, aínda que “si recomendábeis, xa que non implican en si mesmos a expedición de ningún certificado acreditativo”.
Entre os diversos materiais, destaca o novo curso de autoformación preparatorio das probas do CELGA 1, en palabras do departamento que dirixe Valentín García “unha novidosa ferramenta de autoformación en liña, aberta de forma permanente, que garante un acceso ilimitado á aprendizaxe do galego dende calquera lugar e a calquera hora”. Este curso non require proceso de matriculación, senón tan só cubrir un rexistro previo, e pode seguirse sen necesidade dun titor/a, xa que as persoas usuarias van avanzando na aprendizaxe grazas aos exercicios de autorresolución e aos exemplos de resposta.

PUBLICIDADE