Lois Oreiro fai unha chamada á reflexión sobre mundo que estamos a crear

xoves, 15 de xullo do 2021 Marcus Fernández

A Editorial Galaxia estrea unha colección de ensaio sobre temas de actualidade, Hoxeéhoxe, coa obra Os mundos de agora, do xornalista Lois Oreiro, no que reflexiona sobre o concepto de transhumanismo e insta a ter unha mirada crítica sobre os fenómenos de transformación que nos rodean, e que pouco a pouco van mudando a nosa sociedade até ter un impacto nas nosas vidas que non só era imposible de predicir hai varias décadas, senón que incluso actualmente son moi complexos de trazar, xa que as árbores non nos deixan ver o bosque.

Entre os temas que abordas en Os mundos de agora insistes moito no transhumanismo, que hoxe vemos como unha subcultura insignificante, máis próxima do cyberpunk que da realidade, pero non podemos esquecer que as obras de ficción futuristas erran basicamente por utilizar o seu presente como punto de partida. Temos actualmente a mesma eiva á hora de anticiparnos aos cambios que están por chegar?
Os mundos de agora non é unha obra de ficción, é unha observación crítica sobre a nosa conduta actual coas novas tecnoloxías e coa Rede. Por suposto que o presente é o lugar dende o que interpretamos o pasado e o futuro, por forza. E iso fai sempre subxectiva a nosa mirada, si; pero tamén os intereses políticos e económicos determinaron e determinan a lectura da Historia oficial e sobre todo ditan as liñas sobre as que debemos construír o futuro. Cómpre telo presente non só cando nos cuestionan a Transición e a Guerra Civil, senón tamén cando nos din que temos que ser líquidos, que temos que dixitalizarnos a toda présa para non quedar atrás na carreira do progreso sen precisar exactamente de que están falando nin ter normas legais sobre a tecnoloxía que vén. No ensaio aviso das lexións de supostos expertos que lles ditan aos gobernos e ás empresas tradicionais como teñen que comportarse para sobrevivir, como se eles soubesen con toda exactitude cal vai ser o modelo final. Os intereses —a comenencia–, deste proceso é obvio e por iso deberíamos estudar “solidamente” por que, para quen e como vai ser iso de ser “líquidos” ou “gasosos”, que tamén se empeza a oír agora. Non temos que predicir o futuro, non temos que adiviñar que tecnoloxía será a hexemónica nin que Big Tech vai gañar o mercado, o que temos que facer, con toda urxencia, é esixir que a tecnoloxía se adapte a nós en vez de nós a ela como nos están dicindo. Non temos que anticiparnos aos cambios, temos que protagonizalos. Hai unha gran diferenza.

Insistes no perigo que a tecnoloxía pode supor para a nosa propia concepción. A que pensas que responden as ameazas que expós? A posible deshumanización responde a intereses económicos ou é a nosa propia natureza a que nos fai susceptibles a sucumbir ante o cambio sen un destino claro?
– Digo que o transhumanismo que vén non vai ser cousa de persoas raras, mesmo excéntricas, que levan implantadas cámaras no corpo, sensores de campos magnéticos, etc., malia que teñen xa consideración legal de ciborgs en varios países occidentais. Iso sería unha sorte de tribo urbana con pouco predicamento dende o momento no que o seu propósito é “ser tecnoloxía” non humanos e que o obxectivo final do transhumanismo é o posthumanismo, unha especie humana non biolóxica. Obviamente as súas ofertas, mesmo de inmortalidade a costa de deixar de ser humanos, é de esperar que non teñan moito público polo de agora. Por onde vai ir entrando a tecnoloxía nos corpos é polas tecnoloxías da saúde e do mundo laboral. Usar implantes de grafeno no cerebro pode ter que ser imprescindible para traballar con determinados equipos e intelixencias artificiais (a UE destina 1.000 millóns de euros ao ano a investigar co grafeno). Levar implantes sanitarios que nos midan as constantes e mesmo nos fagan analíticas a vontade e informen ao centro de saúde parece un grande logro. A saúde e as novas formas de emprego xa non serán medios para a vida senón fins en si mesmos. Pero, igual que os responsables militares da UE pedían evitar tecnoloxía estranxeira na nova rede 5G, nós deberemos preguntar pola orixe e as características dos trebellos que vaimos poñer por fóra e por dentro da nosa pel.
A isto engadámoslle o teléfono móbil como ferramenta indispensable para absolutamente todo e as previsibles próteses que incorporará para manexalo máis facilmente.
Cando me preguntas polo perigo para a propia concepción, cómpre saber que xa hai tecnoloxía para manexar o móbil coa mente e para navegar por internet coa mente. Haina en desenvolvemento tamén para crear lembranzas falsas. E as redes sociais xa nos influían a nivel prerreflexivo sen estas técnicas. No momento en que o completador de palabras e o navegador, manexados coa mente para aforrarnos vocabulario e non ter que exercitar a memoria e máis para aliviarnos da carga de descubrir cousas novas, nos digan que é o que nos gusta porque o saben mellor ca nós mesmos cruzaremos a liña roxa. Será posible manternos decote no igual, vivindo coma nun algoritmo de teleseries que nos mantén a atención decote présa con fórmulas idénticas unhas ás outras. O implante, ou o uso que fagamos e fagan os fabricantes del, pode acabar dicíndonos quen somos e o que queremos realmente; porque decidir sen el chegará un momento en que xa nos dará medo. No entanto, os mundos de agora modifican a nosa percepción do tempo, do noso propio desexo, da cultura coa que participamos no mundo, da política e mesmo da morte. Podemos pensar que isto non importa porque os magnates tecnolóxicos son moi boas persoas e os gobernos todos liberais e demócratas ou pedir que estas cousas gañen más presenza nos debates públicos porque ben o merecen e porque, literalmente, vainos a vida nelas.

Se pensamos nos nosos dereitos individuais vemos o curioso contraste da política, que tradicionalmente ten mala sona, pero que en certos contextos parece que os lexisladores son os únicos en posición de salvarnos dos abusos dos xigantes tecnolóxicos. Manterase este status quo ou remataremos gobernados por algoritmos?
– Cando á liberdade de expresión ha de haber que engadirlle un anexo que preserve a liberdade de pensamento fronte ás novas tecnoloxías, é obvio que a clase política ten que moverse. É preocupante así e todo que sexan as empresas de telecomunicacións as que piden a redacción dun gran pacto que fixe normas e marque límites para a intelixencia artificial e todo o elenco de aplicacións, sensores corporais, etc. En España estamos a outra cousa. Nas eleccións do 2019 mesmo se usaron datos dos electores sen permiso co acordo do Congreso dos Deputados, nada menos. Se non chegar a recorrer a norma no Tribunal Constitucional o Defensor del Pueblo, España sería sancionada polos organismos comunitarios. Viuse que nada do que aquí falamos estaba na axenda de prioridades dos nosos representantes, fosen do signo que fosen. A Unión Europea tenta facer as cousas ben, Bruxelas promoveu senllas actas de Mercados e de Produtos dixitais que poden ser un exemplo para o mundo e que pon por diante os intereses e os valores da UE para calquera que queira facer negocios aquí. De feito, os Estados Unidos empezaron xa a estudar pórlles límites aos xigantes tecnolóxicos, tras deixalos campar case sen normas nin impostos dende que naceron. O problema é que a UE pinta bastante pouco na Intelixencia Artificial, que protagonizan Estados Unidos e China sen competencia digna de tal nome, polo de agora. Porén, é falso que o dixital nos vaia traer unha democracia realmente directa e máis participativa como prognosticaban os máis optimistas. As redes polarizan porque explotan as emocións; forman bandos en vez de contrastar opinións e ideas, en vez de escoitaren uns aos outros. Estas tribos de pertenza estimulan a agresividade contra as outras tribos de opinión porque se moven nunha verdade absoluta conforme a que hai que medilo todo, o verdadeiro e o falso, o importante e o accesorio… O problema é que fronte á democracia liberal de toda a vida xorde unha caste de populismo do auténtico, moi cómodo cos novos medios, que deslexitima as institucións que temos —as que nos trouxeron os períodos máis decentes da nosa historia—, dicindo que non representan á xente auténtica como disque representan eles ninguén máis. Nesa pugna, a emotividade electoral non é máis ca o primeiro banzo da desescalada democrática cara unha sociedade de individuos illados no ego dixital e volubles a demanda dos amos da Rede, dos que deciden o ben e o mal nunha mancheíña pouca de caracteres que o algoritmo ditamina. Pero os algoritmos son cegos á singularidade do humano, do impensado, do imprevisto, do impensable, do novo. Por iso non creo que chegue a pasar. Creo nas institucións e na xente. Poden máis. Aínda o creo.

Para que exista liberdade é crucial a información, pero que poida traducirse en coñecemento é cada día máis difícil, xa que só parece haber mercado para o infotainment. Estamos a ser vítimas silenciosas da nosa dieta informativa?
– Os filósofos actuais de referencia en Europa denuncian que a información é o contrario do coñecemento precisamente por iso. A sociedade do coñecemento forma perfectos ignorantes, sempre aburridos e sempre necesitados de xogos que os distraian e os divirtan. Ese paradoxo sen cidadáns críticos, conscientes de si mesmos e dos seus intereses, sen capacidade para interpretar o mundo de seu, crea un público do like e do dislike convencidos de que non cabe a indiferenza fronte ao trendig topic e apresurándose seguido a clicar na corrente principal. É preciso ler en profundidade, dispor de libros, de blogs tamén por suposto pero non podemos ir cara unha sociedade feudal na que unicamente saiban ler e escribir no sentido profundo do termo unha minoría de monxes e de señores feudais mentres os servos se limitan a ver as cerimonias coloridas e a encher o bandullo co esmola que lles dan. Nada fai pensar que no futuro a muller que seduce un toureiro ou o suposto drama da filla dunha folclórica e un boxeador deixen de tapar noticias e asuntos de máis relevancia, igual ca agora. Hai información pero non a recibimos porque poden máis os estímulos dos memes e das verdades de pé de banco solemnes da xente auténtica.

A nivel cultural tamén estamos a ver como a transformación dixital muda dende o xeito de consumir contidos até os seus modelos de negocio, sendo o caso máis radical o da industria musical, pero que promete acabar afectando profundamente ao cine, á televisión, á literatura... Mellorar o acceso á cultura pode rematar converténdose no seu verdugo?
– Hai autores que din que as novas formas de transmisión de cultura poden acabar con ela. Fálase de facer desaparecer os dereitos de autor tal como os coñecemos para pagar só polos segmentos da obra que se “consuman”. Non vai haber produtos culturais fóra do dixital por completo e o acceso a eles pode vir dirixido por unhas aplicacións que nos educaron no coñecemento superficial, no chocalleiro, no lixeiro…. Mesmo no audiovisual, que podería resistir mellor aparentemente, Netflix parece torcerlle o pulso a Hollywood. Se a sociedade se vai separando da cultura ao ritmo presente, a cultura mesma, tal como a entendemos agora, podería desaparecer por falta de público. Porque, como dixo César Antonio Molina, ninguén ama o que non coñece. A cultura precisaba certo esforzo, certa vontade de descubrir, de ver, de saber… e a cambio reconfortábanos con ese coñecemento, con ese preguntarnos polo mundo, polo seu sentido, polos seus significados. Pero se a nosa vontade se pode administrar fóra de nós mesmos, igual habería que empezar a preocuparse. Secasí, non hai IA, non hai nin vai haber robots capaces de pensar coma nós nin, por suposto, de amar como nos aínda amamos. Amar e pensar non son procesos posibles fóra do estritamente humano.

Afastándonos das excentricidades transhumanistas, é indiscutible que vivimos encadeados a trebellos, comezando polo smartphone pasando pouco a pouco a outros wearables. Aínda que estes avances poden ter un impacto positivo na nosa calidade de vida (especialmente promovendo hábitos saudables), que preocupacións tes fronte á incorporación da tecnoloxía á nosa vida dun xeito tan profundo?
– Os implantes corporais teñen a saúde como principal xustificación. Polo menos así o presentan os seus demiúrgos. Pero a outra razón de ser da nanotecnoloxía introducida nos corpos é que incorporan vantaxes de comunicación. A retransmisión, o tráfico, é xa o mantra da inmensa maioría que retransmite o prato que lle serven no restaurante, o bautizo dos fillos, as reunións de amigos e mesmo a súa actividade sexual segundo en que foros. Miramos a vida a través da pantalla do móbil. Enviamos e recibimos sen parar esas olladas incompletas cos ángulos cegos que sempre deixan as cámaras do móbil, por moitas que incorporen os últimos modelos. Os reporteiros que imos aos sitios cubrir as novas que nos asignan distinguimos a diferenza entre retransmitir e vivir. Presenciamos sucesos, eventos, actos… dos que non formamos parte, só os ensinamos. Non participamos neles. Nunca. O cidadán hiperconectado de agora imítanos e ao imitarnos retransmítese a si mesmo facendo selfies, reenviando fake news a toda présa, enviando imaxes… Ao facelo convértese en protagonista e público dun acto do que podería formar parte se non fose porque está distanciándose del sen sabelo. Para compartilo, para emitilo, renuncia a vivilo.

As reflexións que fas no teu libro, aínda que apuntan ao futuro, son dos mundos de agora. Que está a pasar para que non sexamos conscientes dos grandes cambios que estamos a experimentar en tan pouco tempo e que en tempos de pandemia parecen terse acelerado esaxeradamente en virtude dunha telepresenza forzada pola crise sanitaria?
– En Os mundos de agora digo redondamente que a pandemia non foi un apremio para o dixital porque o dixital xa se viña introducindo a toda velocidade. Nin tampouco abre un tempo novo no que “nada volverá ser igual”. Non. O que se botou de menos na pandemia foi a presencialidade física. O que estrañamos foron os abrazos. As persoas que se mantiveron nos seus postos, postos de prestixio relativo a maioría, fixeron posible a vida. A presenza física acreditouse imprescindible para a vida. A filantropía das Big Tech non foi maior cá doutros sectores pero víronse beneficiadas por unha campaña ao seu favor dende as administracións públicas porque nos conectaban no confinamento que lles ha aforrar fortunas na persuasión futura para introducir as tecnoloxías dos implantes e, a maiores, xa lles deixou unha capitalización en Bolsa realmente abundante. A da COVID-19 non é a peor das pandemias da humanidade. Hóuboas peores e foron esquecidas igual que habemos esquecer nós esta e incluso habemos de negala andando o tempo. O dito, o dixital e o virtual non son o real, son a penas un produto da realidade, un de tantos. O noso ser no mundo é estar nel, ser e mais estar, ser estando, en corpo, lugar e tempo.

PUBLICIDADE