Lorenzana e Abalde visitan en Ames o principal centro tecnolóxico aeroespacial de España
martes, 14 de abril do 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o sudelegado do Goberno na Coruña, Julia Abalde, e o alcalde de Ames, Blas García, visitaron este martes 14 de abril a nova sede do Centro Avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais (CATEC), emprazada no Milladoiro (Ames), onde destacaron que se trata do maior centro tecnolóxico español en materia aeroespacial e de defensa.
Lembraron que CATEC leva anos traballando na nosa terra, no Parque Empresarial de Rozas (Castro de Rei), dando forma a proxectos tractores promovidos por grandes firmas do sector como Telespazio, Avincis, Airbus, Aertec-Tecnobit e Indra. Galicia é, xunto con Andalucía e Madrid, unha das cinco sedes coas que conta CATEC en toda España.
A conselleira Lorenzana, que acudiu acompañada do secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, sinalou que “desde o ano 2015 en que comezamos os traballos en Rozas do que foi a CUI (Civil UAVs Inititive), que agora evolucionou á actual Estratexia de Defensa, Seguridade e Aeroespazo, CATEC foi un centro tecnolóxico importante colaborador e socio con outras empresas galegas que están facendo agora traballos, servizos e tecnoloxía de primeiro orde a nivel internacional”.
No marco desta estratexia, que vai mobilizar 900 millóns de euros, a conselleira avanzou que “en breve a Xunta vai anunciar os novos acordos de asociación, nos que participarán centros tecnolóxicos con grandes empresas e pemes galegas para continuar evolucionando un sector económico que en Galicia ten moitísimas potencialidades”, sinalou.
Trátase, engadiu, dun sector enfocado ao desenvolvemento de tecnoloxías duais (que poden empregarse tanto no ámbito comercial como da defensa), e que poden ser obxecto de interese por parte de empresas da industria da automoción, o naval, as TIC, etc. Por iso, con ese obxectivo, Lorenzana lembrou que “a Xunta mantén aberta unha liña de axudas para certificacións, que permite a empresas doutros sectores acreditarse para participar no mercado da defensa”.
Pola súa banda, Julio Abalde destacou o papel estratéxico de CATEC no impulso da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico na comunidade. Resaltou a colaboración de CATEC co tecido empresarial e universitario galego, así como o seu impacto na xeración de emprego cualificado e no posicionamento de Galicia como nodo tecnolóxico internacional. Ademais, salientou as previsións de crecemento do centro, que contempla ampliar as súas instalacións e duplicar a súa capacidade nos vindeiros anos.
CATEC, considerado o maior centro tecnolóxico aeroespacial privado de España e referente en Europa, está especializado no desenvolvemento de solucións de I+D+i para a industria aeroespacial e de defensa. Dende a súa creación en 2008, levou a cabo máis de 300 proxectos de investigación, apoiándose nun equipo de máis de 150 profesionais altamente cualificados.
Actualmente, o centro conta cun equipo de 11 enxeñeiros centrados no desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas en sistemas non tripulados e drons, como algoritmos de navegación sen GNSS ou sistemas de percepción avanzada.
As novas instalacións reforzan a presenza de CATEC en Galicia e consolidan o seu papel como aliado tecnolóxico para empresas e institucións, contribuíndo ao avance da industria aeroespacial e ao desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras con aplicacións en ámbitos como a seguridade e a defensa.
Ames: punto de referencia
Na visita deste 14 de abril, o alcalde de Ames, Blas García, sinalou que “CATEC é un gran exemplo da conversión de Ames nun punto de referencia en Galicia para a innovación e a tecnoloxía. Queremos seguir nesta senda para que centros como o de CATEC nos escollan para instalarse”
Pola súa parte, o CEO de CATEC, Joaquín Rodríguez Grau, subliñou que “grazas ao apoio á industria aeronáutica, espacial e de defensa por parte da Xunta de Galicia de forma firme e consistente no tempo desde 2015, desenvolvemos grandes proxectos coas grandes empresas tractoras nacionais en Galicia. Desde 2015 desenvolvemos tecnoloxías en Galicia para grandes socios industriais da Xunta como Indra, Airbus, Babcok, Telespazio e participamos en propostas retadoras coas Universidades de Vigo e A Coruña e con empresas como Sixtema, Aeromedia, 4Digital, Vigsec-Dron e 3Data, que suporán o futuro en tecnoloxías de drons e non tripuladas para aplicacións civís e de defensa en Galicia”.
Ademais, engadiu que “en CATEC vemos o noso futuro na comunidade ligado a colaboracións con empresas tractoras, universidades e a empresa local orientadas a solucións duais, no marco civil, para a monitoraxe ambiental, e na defensa, orientadas ao escenario de operacións, con solucións como a navegación en contornas GPS-denegado e telecomunicacións degradadas, autonomía operacional, voo en enxame de drons e seguimento automático de obxectivos, así como detección e neutralización de ameazas”.
