Lorenzana reivindica unha IA ao servizo das persoas

venres, 7 de novembro do 2025 S. P.

Máis de douscentos empresarios, directivos, representantes eclesiásticos e figuras destacadas do pensamento e da tecnoloxía reuníronse esta mañá na Hospedería de San Martín Pinario, en Santiago de Compostela, para participar no seminario Ética e IA: Cambia ou transcende a persoa?. O encontro, promovido polo Arcebispado de Santiago, centrouse nos desafíos éticos e humanos que formula a intelixencia artificial na sociedade contemporánea.
O acto de apertura contou coa presenza da conselleira de Economía e Industria da Xunta, María Jesús Lorenzana; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Vieites; e o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, recoñeceu hoxe que o papel económico que ten a tecnoloxía é ilimitado, e que calquera proxecto que non incorpore a dixitalización nos seus procesos está condenado ao fracaso. Asegurou que a intelixencia artificial «nunca vai substituír a intelixencia humana» e «sempre será preciso delimitar onde é necesaria a persoa e onde é necesaria a máquina».
«A tecnoloxía é un instrumento que ten unha finalidade e nunca podemos perder de vista que está sempre ao noso servizo, non estamos nós ao servizo da tecnoloxía», subliñou, para sinalar que o principal reto está en humanizala, no sentido de que dea prioridade ás necesidades, ao benestar e aos valores humanos.
Lorenzana apuntou que, hoxe en día, o progreso non se pode desligar da tecnoloxía. «Os datos revolucionaron a nosa forma de traballar, de relacionarnos e ata de divertirnos. Convertéronse nun activo. Xa non son un simple subproduto da actividade dixital, senón a materia prima coa que se crean novos servizos».
Segundo dixo, a tecnoloxía e a innovación «son clave para que a empresa poida seguir mantendo a súa competitividade e gañar tamaño», abondou, engadindo que «ao igual que tamén o son para a transición verde, a electrificación e a descarbonización, porque permiten optimizar recursos, diminuír consumos e reducir a pegada ambiental da industria».
A filósofa Adela Cortina, referente do pensamento ético contemporáneo, foi a encargada de pronunciar a conferencia inaugural, titulada Ética e ideoloxía da IA. Na súa intervención destacou que a intelixencia artificial «é un instrumento» e defendeu a necesidade de construír sistemas tecnolóxicos guiados polo ben común, o respecto á dignidade humana e a inclusión social. «A IA pode achegar grandes beneficios se se constrúe desde un marco ético baseado en dous principios fundamentais: beneficiar e non danar. É imprescindible potenciar a autonomía das persoas, facer xustiza e distribuír equitativamente os beneficios desta tecnoloxía, xa que os seus efectos son globais, afectan a toda a humanidade», concluíu.
A continuación celebrouse unha mesa de debate sobre o desenvolvemento da IA, a estratexia española e os valores asociados, con intervencións de Senén Barro, director do CITIUS da USC; Amparo Alonso, catedrática da UDC; Teresa Rodríguez de las Heras, integrante do grupo de expertos de IA da Comisión Europea; e Ulises Cortés, profesor do Barcelona Supercomputing Center. Todos coincidiron na importancia de impulsar unha intelixencia artificial centrada nas persoas, equilibrando a innovación tecnolóxica coa responsabilidade ética e social, así como en promover unha educación que fomente o pensamento crítico e a cooperación entre ciencia, dereito e cidadanía.
Posteriormente tivo lugar o diálogo A Igrexa e a IA, moderado por José Ramón Amor Pan, director da Fundación Pablo VI, e coa participación de monseñor Francisco Prieto, o teólogo estadounidense Alberto Embry e o sacerdote e investigador Ricardo Mejía. O arcebispo compostelán salientou que «ao definir os límites da IA, resulta fundamental poñer no centro o respecto e a integridade de cada persoa, recoñecendo o seu valor intrínseco».
O seminario concluíu cun debate sobre IA: persoa, responsabilidade, regulación e globalización, moderado por Eladio Dapena, decano da Facultade de Enxeñaría e Tecnoloxía da Universidade Intercontinental da Empresa, no que se abordou a necesidade de humanizar as tecnoloxías para que prioricen sempre os valores humanos.