Lugo acolle a presentación do Libro Branco da Influencia Responsable en galego

martes, 5 de maio do 2026 Redacción

A Delegación Territorial da Xunta acolleu hoxe a presentación da edición en galego do Libro Branco da Influencia Responsable, xunto coa ferramenta Thinkfluencer, un recurso dixital de balde pensado para promover boas prácticas entre os creadores de contido nas redes sociais.
No acto participaron José Ángel Otero e Manuel Rodríguez, presidente e vicepresidente en Galicia da asociación iCmedia, entidade impulsora da publicación, así como o escritor e doutor en Comunicación Félix Caballero, responsable da tradución.
O volume xorde dun proceso de reflexión colectiva no que participaron axencias, expertos, influentes, marcas, plataformas, institucións e organismos reguladores, co obxectivo de reforzar un ecosistema de influencia máis ético, transparente e sustentable. A xornada reuniu profesionais do sector para abordar cuestións vinculadas ao contido, á responsabilidade e ao futuro das redes sociais na Comunidade.
Lugo foi o escenario deste encontro, integrado nas actividades promovidas ao abeiro da iniciativa Dalle Like, unha proposta que conta coa colaboración da Xunta e que pretende recoñecer o talento galego no ámbito dixital e das redes sociais.
A programación culminará coa entrega dos premios Dalle Like, prevista para o 16 de maio no Círculo das Artes, onde se distinguirán creadores de contido, proxectos dixitais e marcas galegas que sobresaen pola súa creatividade, impacto e capacidade de conexión coas novas audiencias.