Máis de 160 concellos integráronse xa na Historia Social Única Electrónica

luns, 28 de agosto do 2017 Redacción

Xuntanza para o inicio da pilotaxe da HSUE nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro, celebrada en verán do 2016

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de informar do número de entidades locais que xa levaron a cabo a súa integración na Historia Social Única Electrónica (HSUE): trátase de 160 concellos xa. Como lembraremos, trátase dunha plataforma posta en marcha polo Goberno galego (a través de AMTEGA e a Consellería de de Política Social) para facilitar ao máximo a xestión dos datos relativos á nosa historia social, axilizando a coordinación de todas as persoas e entidades implicadas no fornecemento deste tipo de servizos. Por certo que segundo lembra a axencia que dirixe Mar Pereira, nos últimos tempos fíxose un especial esforzo para impulsar e mellorar a plataforma, engadindo novas funcionalidades como a sinatura dixital e integrándoa coa aplicación informática que empregan os traballadores dos servizos sociais comunitarios.
Segundo explica a AMTEGA, a integración de SIUSS (Sistema de Información de Usuarios de Servizos Sociais) na Historia Social Única Electrónica “facilita o intercambio de información entre os profesionais dos servizos sociais de ámbito local e autonómico”. Para a axencia, “este é un paso fundamental para completar a información da Historia Social Única Electrónica de cada individuo e incrementar a coordinación entre profesionais”.
A esta novidade, como dixemos, xúntase a incorporación da sinatura electrónica a través de HSUE, un engadido que permite xerar e asinar dixitalmente en HSUE os informes sociais normalizados e arquivalos na Historia Social Única Electrónica do individuo, “o que posibilita o envío de xeito telemático deste informe ás unidades tramitadoras”, engade AMTEGA.
En marcha hai xa un ano
A HSUE púxose en marcha pasado hai un ano nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro. Tras unha fase de probas iniciouse a súa extensión a outros concellos co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias, a través dun convenio asinado en novembro. A día de hoxe, os traballadores sociais de máis 160 entidades locais teñen acceso á plataforma, podendo acceder ao expediente social de máis de 530.000 usuarios en formato electrónico.
En palabras de AMTEGA, “a extensión da Historia Social Única Electrónica supón un fito no eido dos servizos sociais semellante á posta en marcha da Historia Clínica no eido sanitario ao integrar nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo, incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nas mesmas”.
Ademais, engade a axencia, plataforma proporciona “unha identificación unívoca dos cidadáns”, ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria e garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado por parte dos profesionais, que accederán só aos datos e información necesaria para o desenvolvemento do seu labor.

PUBLICIDADE