Máis de 190 centros de ensino galegos gozarán no vindeiro curso de conexión a Internet de 100 Mbps

martes, 28 de agosto do 2012 Raquel Noya

No marco do proxecto ABALAR, para a integración das TIC en tódolos ámbitos do ensino galego, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vai facer posible que 4 novos centros educativos das provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo poidan gozar no vindeiro curso académico de conexión a Internet de 100 Mbps de velocidade, sumándose así aos 187 centros que xa dispoñían deste servizo no curso pasado.
O ente público completará nas vindeiras semanas a implantación de redes de nova xeración nos devanditos centros, infraestruturas que, ademais de incrementar a velocidade de conexión á Rede, permitirán o acceso simultáneo dun meirande número de usuarios, así como a posibilidade de traballar con máis aplicacións informáticas a unísono.
Segundo informan dende o Executivo, a implantación de redes de 100 Mbps “permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida”, polo que o alumnado poderá ter así “un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas nin contratempos”, engaden.
A mellora da conectividade dos centros educativos galegos é posible grazas á posta en marcha do Plan de Banda Larga de Galicia por parte da Xunta, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGAs) “coas velocidades máis punteiras”, aseguran.