Máis de 20 expertos amosarán en Organización 2.0 as opcións de medre empresarial que achegan as redes sociais
xoves, 17 de outubro do 2013
Como avanzamos os días
pasados, os nosos profesionais que traballen en Internet e nas redes
sociais, á procura de novos xeitos de contactar co cliente sen que
este fuxa escorrentado, teñen unha cita ineludíbel o vindeiro
martes 22 de outubro, nas instalacións do Consorcio
da Zona Franca de Vigo. Falamos de Organización
2.0, un evento organizado polas firmas galegas Comasis
e Inova e que vai ser
inaugurado oficialmente pola delegada do Estado para o dito
Consorcio, Teresa Pedrosa. Segundo nos fan saber os organizadores,
estamos ante unha xuntanza de primeira orde para todas aquelas
organizacións interesadas en mellorar a súa produtividade e
eficiencia a través da tecnoloxía 2.0. Para que non quede asunto
sen tratar, contarase coa presenza de máis de 20 relatores
internacionais que explicarán como as ferramentas colaborativas
poden mellorar a produtividade e eficiencia.
Até o de agora, máis de
100 empresarios e directivos de diversas entidades xa confirmaron a
súa asistencia, aínda que os interesados aínda están a tempo de
formalizar a súa inscrición na web do evento. “O congreso
Organización 2.0”, informa a Zona Franca, “está chamado a ser o
gran acto galego sobre tecnoloxía social no 2013, xuntando ao
empresariado máis representativo de Galicia e cunha clara
orientación práctica para que os asistentes poidan explorar de
primeira man as múltiples posibilidades coas que as solucións 2.0
poden contribuír a un desenvolvemento máis produtivo das
organizacións”.
Como dixemos, o congreso
comezará ás 9:00 co acto de inauguración a cargo da delegada do
Estado para o Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa Silva. A
continuación empezarán os diversos relatorios que está previsto
que rematen ás 14:15, aproximadamente. Durante a mañá os expertos
abordarán a temática das 2.0 relacionándoa coa produtividade, a
intelixencia colectiva e a análise da xestión de información. Logo
do xantar, entre as 16:00 e as 18:00, a conferencia continuará cun
módulo no que se tratará a aplicación destas ferramentas en I+D+i
e educación e formación.
A listaxe de relatores
confórmana Alejandro Vázquez, Luis Calvo, David Silva, Xavier
Orozco, Alberto Casal, Tamara Blanco, Ana Neves, José Gil de
Bernabé, Antonio Soto, Carlos Latourrette, Patricia García, Mario
Cernadas, José Manuel Castro, Natalia Rodríguez, Carlos López
Ardao, Nerea Míguez, Jesús Ruiz e Diego Gómez.