Máis de 200 persoas participaron na XXVIII Noite Galega das Telecomunicacións
venres, 20 de setembro do 2024
O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) celebrou este venres 20 de setembro a súa XXVIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. O Gran Hotel da Toxa, no Grove, converteuse no escenario da gala celebrada este 20 de setembro, onde se deron cita máis de 200 persoas e que presidiu o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.
Durante a cerimonia entregáronse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2024, que recoñecen o labor dos profesionais do sector. O lema deste ano (30.454: conexión total para vivir) sinalou os esforzos para levar a banda larga a todos os recunchos da nosa terra (que conta con máis de 30.000 entidades de poboación), así como a aplicación real doutras tecnoloxías como a 5G, as estratexias avanzadas en ciberseguridade ou a conexión satelital.
Despois dun cóctel de benvida e unha sesión de networking, ás 21:00 horas arrancou a gala, cun gran protagonismo audiovisual. O decano do Colexio Oficial e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo, comezou a súa intervención facendo referencia ao lema deste ano para destacar que “grazas á nosa profesión, á Enxeñaría de Telecomunicación, fixemos que a conectividade chegue aos lugares máis remotos de Galicia, superando barreiras xeográficas e demográficas. Este logro non só mellorou a calidade de vida, senón que tamén abriu portas á innovación, á educación e ao desenvolvemento económico. Hoxe, Galicia pode mirar cara ao futuro con confianza, grazas ás redes que se teceron e á tecnoloxía que despregamos”. Ademais, sinalou que “dotar a estas 30.454 entidades das infraestruturas e servizos que a nosa sociedade demanda é unha tarefa inmensa” e un “desafío titánico”.
Julio Sánchez Agrelo tamén fixo referencia á repoboación dixital e ao papel que xogan os enxeñeiros de Telecomunicación neste proceso. “Galicia, coa súa extensa dispersión e o seu forte carácter rural, enfrontou durante anos o reto do despoboamento en moitas áreas. Porén, hoxe, grazas á conectividade, esas mesmas zonas están rexurdindo como destinos ideais para quen teletraballa”, asegurou. “Estes novos habitantes están revitalizando as nosas zonas rurais, achegando dinamismo económico e unha nova vida ás nosas aldeas”.
A continuación procedeuse á entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2024, que recaeron nas seguintes persoas e institucións:
O premio Enxeñeiro do Ano entregouse a Alfredo Ramos, director de R e MásOrange en Galicia “pola súa traxectoria profesional e contribución ao desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, participando activamente no equipo que puxo en marcha o primeiro operador galego (R) e actualmente en MasOrange”. O xurado tamén destaca a súa “implicación persoal para dar pulo a proxectos pioneiros en Galicia, formando parte dos comités de dirección en diferentes entidades tecnolóxicas de carácter estratéxico como Gradiant e APD, e o seu compromiso co avance na creación de empresas e aceleradoras, así como cátedras interuniversitarias”. Alfredo Ramos, na súa intervención, sinalou que recibir este galardón “é todo un privilexio” e fixo un repaso á súa carreira profesional, “moi vinculada á creación e desenvolvemento de R”. Nela, “cun magnífico equipo e traballo arreo, ofrecemos unha competencia real e efectiva no mercado, reducindo a fenda dixital e consolidando a marca de telecomunicacións preferida polos galegos, facendo realidade o soño dun grupo de enxeñeiros que volvemos a Galicia para impulsar este proxecto”. Para finalizar, o Enxeñeiro do Ano indicou que “estamos ás portas dunha nova era dominada pola Intelixencia Artificial e a Computación Cuántica, tecnoloxías que están a revolucionar os servizos, as formas de traballo e moitos aspectos da nosa vida cotiá. E nesta revolución, a nosa profesión debe ter, e terá, un papel fundamental”.
O premio Socio de Honra concedeuse a MUDITEL (Museo Didáctico das Telecomunicacións). O seu director, Félix Rodríguez, recolleu un galardón que pon de manifesto a súa contribución na conservación do patrimonio histórico das Telecomunicacións e na súa divulgación. O museo amosa “as orixes e a evolución dun sector básico e absolutamente necesario na sociedade actual”, e pon en valor a tecnoloxía. A acta de concesión tamén recolle “a paixón coa que traballa todo o seu equipo e o amor á tecnoloxía, conscientes da importancia da época de grandes cambios e evolución tecnolóxica que lles tocou vivir”.
O premio AMTEGA ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais 2024 recaeu sobre o proxecto CelIA (intelixencia conversacional para asistentes interactivos orientados á linguaxe). Esta iniciativa, ideada polo Grupo de Tecnoloxías da Información de atlanTTic (o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo), consiste nun asistente conversacional que pode empregarse a través de WhatsApp ou dunha aplicación propia para afrontar a soidade non desexada. “Trátase dun proxecto de utilidade social evidente, sobre todo nunha sociedade cada vez máis envellecida, na que a soidade é un problema crecente”, sinala o xurado. Ademais, ofrece “un asistente de saúde para mellorar a calidade de vida e axudar ao diagnóstico precoz de problemas de saúde mental”. O proxecto foi financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), no marco do programa Ignicia.
O premio Axians á entidade galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións 2024 recoñeceu a contribución da Universidade de Santiago de Compostela no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Destacouse o traballo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), especialmente en proxectos sobre Intelixencia Artificial, análise de información a gran escala (Big Data) e detección temperá de riscos. Por outra banda, o “CiTIUS participou en varios proxectos europeos de I+D+i, consolidando á USC como un referente na xeración de coñecemento avanzado e a súa transferencia ao mercado e á sociedade”.
O premio á Mellor Iniciativa de Promoción da Conectividade foi para a Axencia de Turismo de Galicia polo desenvolvemento de tarefas de investigación e innovación tecnolóxica no eido do turismo e o esforzo por dar pulo a iniciativas para potenciar a conectividade no Camiño de Santiago. No marco deste proxecto, solicitouse á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia un estudo de cobertura co obxectivo de conseguir unha conectividade real e efectiva para os peregrinos. Deste xeito facilítanse experiencias virtuais máis sinxelas e inmediatas, ao tempo que se garante a seguridade no Camiño.
Por último, o premio ao Mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo foi para Diego Cajaraville Aboy, quen obtivo a cualificación media máis alta no mestrado de enxeñaría de telecomunicación no curso 2023-2024, cun 8,5.
A entrega de galardóns pechouse coa intervención do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e, a continuación, comezou a cea de gala. Corgos, na súa intervención, salientou o “papel clave das tecnoloxías intelixentes para unha boa xestión do territorio, cuns servizos máis eficaces para os cidadáns e cunhas infraestruturas adaptadas para xerar riqueza e benestar”. E engadiu: “Queremos que as tecnoloxías intelixentes nos axuden para mellorar a mobilidade por estradas, a través da Plataforma galega de mobilidade, para mellorar a xestión das explotacións agrícolas e gandeiras, a través da Plataforma agroforestal galega; para prestar a mellor atención posíbeis aos nosos maiores e ás persoas con discapacidade, a través de iniciativas como as residencias intelixentes”, explicou, a modo de resumo, incidindo en que as Telecomunicacións son unha das principais ferramentas para a cohesión dun territorio diverso e complexo como o galego, cunha poboación moi dispersa.
Con este obxectivo, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, recordou a posta en marcha da Rede Galega de Internet das Cousas, que permitirá instalar no territorio ata 300.000 sensores de todo tipo e xestionar os datos recollidos.
Así mesmo, asegurou que o traballo desenvolvido ata agora permite afrontar unha terceira axenda dixital, a Estratexia Galicia Dixital 2030, con dous obxectivos principais: a consolidación das especialización tecnolóxica de Galicia e o desenvolvemento das tecnoloxías de alto impacto, como a IA, a ciberseguridade ou o blockhain, adaptadas ao noso territorio e poboación e ao servizo da calidade de vida das peras e a xeración de riqueza.
“Trátase, en definitiva, de adaptar todo tipo de tecnoloxías sen fíos ás necesidades de Galicia, ao servizo da extensión do Internet das Cousas, ás solucións baseadas en Intelixencia Artificial e na configuración dun territorio intelixente”, concluíu.