Mapfre e Etrasa lanzan un DVD de Seguridade Viaria e permiso por puntos

venres, 13 de xullo do 2007 Raquel Noya

Con motivo do primeiro aniversario da entrada en vigor do carné por puntos, o Instituto de Seguridade nas estradas da Fundación Mapfre, vén de editar o vídeo Seguridade Viaria e Permiso por Puntos, unha ferramenta que pretende formar a tódolos condutores do Estado (que teñan ou non que recuperar puntos).
O DVD, de trinta minutos de duración, describe paso a paso as consecuencias derivadas das infraccións de tráfico (perda de puntos, lesións...) e lembra os tres factores que interveñen na condución e polo tanto, tamén nos accidentes de tráfico: as vías, os vehículos e as persoas.
Ambas entidades consideran que a formación é un dos piares básicos na prevención dos accidentes de tráfico, polo que tentarán paliar este problema social distribuíndo este vídeo de balde en máis de 8.300 autoescolas de España, coa finalidade de chegar ó maior número posible de condutores.
Asemade, o vídeo tamén se distribuirá a través de diversas asociacións relacionadas coa seguridade e a educación viaria así como nos cursos para formadores que organiza Etrasa.