Mario Pansero (UVigo) fala da importancia da reflexión ética do alumnado nunha charla en Enxeñaría Aeronáutica
mércores, 8 de novembro do 2023
Foi este pasado luns, 6 de novembro, cando tivo lugar na Escola de
Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense o seu ciclo
de charlas divulgativas Foro Aero coa conferencia Innovación sen
crecemento: ciencia, tecnoloxía e innovación nunha era
pos-crecemento. A dita conferencia
era protagonizada por Mario Pansera, director do grupo Post-growth
Innovation Lab da Universidade de Vigo e profesor Oportunius
GAIN-Xunta de Galicia.
O relatorio, celebrado no edificio Politécnico de Ourense, foi
presentado polo profesor da escola Diego Carou, que puxo en valor a
importancia da reflexión crítica e a perspectiva ética no eido
científico e tecnolóxico. El foi o encargado de presentar ao
relator, responsábel do Post-Growth Innovation Lab, con sede no
campus de Pontevedra, beneficiario dunha axuda Starting Grant do
Consello Europeo de Investigación e no que se desenvolven proxectos
europeos como JUST2CE e Prospera (Prospering without growth:
Science, Technology and Innovation). Este último, financiado
polo Consello Europeo de Investigación (ERC), ten como obxectivo
responder á pregunta de como poderían funcionar as organizacións
nun sistema que non se basee nun crecemento sen fin e foi o
protagonista da conferencia de Pansera.
Indo ao miolo da charla de Pansera, o investigador quixo “criticar
o concepto mainstream ou convencional de innovación, tentar
amosar cales son os danos que a tecnoloxía pode provocar se non está
gobernada democraticamente e dar algunhas ideas de como podería ser
o proceso de desenvolvemento tecnolóxico nun mundo que xa non estea
obsesionado co crecemento económico”. Na era pos-crecemento
trátase, apuntou, de “enfocarse nas persoas, nas súas necesidades
básicas, no coidado do medio ambiente, etc”, de “imaxinar unha
sociedade que non precisa medrar para mellorar o nivel de vida”.
Mario Pansera sinalou que “os graos técnicos e o seu alumnado
desafortunadamente non teñen unha formación que teña que ver coa
ética da tecnoloxía, coa reflexión sobre os danos que pode facer a
tecnoloxía e como remedialos, como pensar e anticiparse a eses danos
e ás consecuencias negativas das tecnoloxía”. Porén, dixo, “eu
creo que todas as facultades de enxeñaría e de ciencia en xeral
deberían ter cando menos unha introdución ao que é a ética da
ciencia e como poder innovar de xeito responsábel”.